Versión en castellano
Inicio Avisos A Mancomunidade de Ordes abre o prazo de inscrición para participar no programa Deseñando o teu futuro
A Mancomunidade de Ordes abre o prazo de inscrición para participar no programa Deseñando o teu futuro
Venres, 23 Xuño 2017 11:04

A partir do vindeiro luns, 26 de xuño, e ata o 7 de xullo a Mancomunidade de Ordes manterá aberto o prazo para inscribirse no programa Deseñando o teu futuro. Trátase dunha iniciativa formativa na que poderán participar 30 mozos e mozas de 14 a 18 anos de idade, que permite visitar e desempeñar funcións en empresas e entidades públicas ou privadas durante catro horas diarias ao longo de quince días. Consulta o bando.


O trámite poderase levar a cabo ben nas oficinas situadas nos baixos da alameda de Ordes ou ben a través do teléfono 981 680 002. Deste xeito quérese apoiar a formación da mocidade para que adquiran coñecementos e habilidades que axuden a completar o seu desenvolvemento tanto persoal como profesional. Con este obxectivo prioritario facilítase un primeiro contacto co ámbito laboral no seu contorno máis inmediato. As persoas participantes percibirán unha dieta diaria de 6 €, ademais de ter cubertos os gastos derivados da organización ou participación nas actividades.

 

A Mancomunidade de Ordes xa participou nesta iniciativa cuns resultados altamente satisfactorios tanto por parte das firmas e entidades como das persoas participantes. Todas e todos eles tiveron a oportunidade de adquirir experiencia laboral e coñecementos relacionados con: carpintería metálica e de madeira, automoción, panadería, sector lácteo, hostalaría, industria madeireira, agricultura e administración.