Versión en castellano
Inicio Avisos Publicadas as bases do obradoiro de emprego Ordes-Frades II
Publicadas as bases do obradoiro de emprego Ordes-Frades II
Mércores, 18 Outubro 2017 18:21

Dende esta semana xa se poden consultar as bases para a selección do alumnado e persoal do obradoiro de emprego Ordes-Frades II. As persoas interesadas nesta convocatoria poden acceder a toda a información a través deste enlace web. A data limite para rexistrarse é o 26 de outubro.

 

Subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e promovido polos Concellos de Ordes e Frades, este obradoiro é un programa mixto de emprego e formación dirixido a mellorar a ocupación das persoas desempregadas. O investimento total é de 334.845 €, dos cales case 280.000 € achégaos o ente autonómico, 24.500 o Concello de Frades e 28.000 € o de Ordes.

 

A súa duración prevista será de 9 meses e habilitaranse un total de 20 prazas para alumnos/as traballadores/as. Delas 10 serán para auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas, e outras tantas para auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. En total 12 correspóndenlle ao Concello de Ordes e as 8 restantes ao de Frades. No que respecta ao persoal do obradoiro contémplase a contratación dun/ha director/a, 1 mestre/a para cada especialidade, 1 titor/a-docente de ensino básico e 1 auxiliar administrativo/a.

 

Actuacións

 

Segundo o programa previsto as actuacións que se levarán a cabo serán: o acondicionamento local social de Vedral (Abellá) e da ccontorna do local social de Papucín. Ademais, acondicionaranse as prazas de Añá, Moar e Ponte Carreira, así como o campo de fútbol de Añá. Tamén se realizarán actuacións de mantemento e conservación das áreas recreativas da Ponte Carballa (Abellá), Os Pasos (Aiazo) e a da Presa (Ledoira 2ª fase). No caso de Ordes, as obras serán o acondicionamento da antiga escola de Parada; do local social do Mesón do Vento; da contorna da estación da Pontraga (ademais da instalación dun aseo), da parcela situada entre as rúas de Frades e Cerceda, do parque infantil Pilar Martínez Viqueira e do paseo fluvial Ramiro Recouso Liste.

 

As persoas interesadas en formar parte do proceso de selección xa poden pasar pola oficina de emprego de Ordes para apuntarse, tendo como data límite para o seu rexistro ata o vindeiro 26 de outubro no caso do alumnado. Daráselles prioridade a aquelas persoas maiores de idade dos ámbitos dos concellos de Ordes e Frades en situación de desemprego. É necesario que estean rexistradas no Servizo Público de Emprego de Galicia e que carezan de ocupación remunerada. Poderanse excluír do proceso selectivo aquelas que xa participaran anteriormente nunha escola-obradoiro ou obradoiro de emprego.

 

Unha vez ditada a resolución de concesión de subvención tramitarase a oferta na oficina de emprego de Ordes para logo proceder á selección definitiva dos candidatos e candidatas, tanto do alumnado como do persoal directivo, docente e administrativo.