Versión en castellano
Inicio Novas Frades acolle este domingo a VII Festa da Filloa e Cachucha de Abellá
Frades acolle este domingo a VII Festa da Filloa e Cachucha de Abellá
Venres, 16 Marzo 2018 13:51

cachuchawebO pavillón polideportivo de Abellá (Frades) acollerá este domingo 18 de marzo, a partir das 12:00 horas, a sétima edición da Festa da Filloa e da Cachucha, que organiza a asociación de veciños Os Labregos de Abellá en colaboración co Concello de Frades. Unha festa que este ano contará por primeira vez coa presenza do filloeiro grande de Lestedo, con capacidade para producir ata 1.500 filloas por hora.


Isto é así porque dende a asociación de veciños agardan poder chegar a reunir este domingo en Abellá ata a 2.000 persoas, entre veciñanza e visitantes. Para iso contarán con tres apoios fundamentais. En primemiro lugar, a celebración dos partidos de fútbol de Terceira Rexional Abellá B-Atl. Castros (12:00 horas) e Primeira Rexional Abellá-Victoria (16:00 horas). En segundo lugar, o atractivo programa da festa, que inclúe as actuacións musicais de Embruxo Gaiteiros, grupo folclórico de Ordes que porá a música durante a mañá; e da orquestra Metrópolis, que amenizará a verbena que dará comezo ás 17:30 horas. E, finalmente, que o luns 19 de marzo será festivo local en Frades, o que a bo seguro animará a moitos veciños e veciñas a sumárense á festa ata ben entrada a madrugada.

 

Aínda que as previsións meteorolóxicas descartan chuvias durante a mañá e boa parte da tarde, a maiores do pavillón polideportivo de Abellá a organización contará cunha gran carpa para que os festeiros desfruten das filloas e da cachucha a cuberto. Entre todos os que participen na degustación sortearanse dúas cestas. A Festa da Filloa e da Cachucha está organizada pola asociación de veciños “Os Labregos” de Abellá e conta coa colaboración do Concello de Frades.