Versión en castellano
Inicio Novas O Concello de Frades convoca as axudas para transporte e material escolar
O Concello de Frades convoca as axudas para transporte e material escolar
Martes, 27 Marzo 2018 13:20

O Concello de Frades convoca as axudas para transporte escolar e para a compra de material escolar para o curso académico 2017-2018 dirixidas ás familias máis necesitadas do municipio, que terán ata o vindeiro 19 de abril para presentar as súas correspondentes solicitudes. O Concello de Frades destinará 5.000 euros a estas axudas. Máis información.


A subvención para transporte escolar está dirixida a alumnado de Bacharelato ou de Formación Profesional (Grao Medio) e terá unha contía de 150 euros; mentres que as axudas para a compra de material escolar están dirixidas a alumnado de Primaria e Secundaria e ascenderán a 70 euros por alumno/a e curso. En ambos os casos, para poder optar a estas axudas é preciso que a persoa estea empadroada no Concello de Frades, que estea cursando os estudos para os que solicita a axuda, que a súa familia estea ao día no pago das obrigas tributarias co Concello e non teña pendente de xustificación ningunha subvención anterior.

 

Documentación

 

Para presentar as solicitudes, as familias deberán dirixirse aos Servizos Sociais Municipais e achegar a seguinte documentación: copia do DNI de todas as persoas integrantes da unidade familiar, copia do libro de familia, resgardo da matrícula do centro no que está a realizar o curso escolar deste ano e xustificante dos ingresos da unidade familiar en 2016 (declaración da renda, nóminas, pensións, certificado de ser demandante de emprego etc). Así mesmo, poderanse presentar certificados acreditativos da situación de familia monoparental ou do grao de discapacidade dalgún membro da unidade familiar, se fose o caso.

 

O prazo de presentación de solicitudes remata o 19 de abril e as subvencións unicamente serán concedidas ás familias cos ingresos per cápita máis baixos. Para máis información, as persoas solicitantes poden dirixirse aos Servizos Sociais Municipais ou chamar ao teléfono 981 695 567.