Versión en castellano
Inicio Novas O Concello de Frades abre o prazo de inscrición na V Carreira Pedestre Popular, que repartirá 1.225 euros e terá lugar o 12 de maio
O Concello de Frades abre o prazo de inscrición na V Carreira Pedestre Popular, que repartirá 1.225 euros e terá lugar o 12 de maio
Venres, 13 Abril 2018 00:00

carreira2018webO Concello de Frades convoca a quinta edición da súa Carreira Pedestre Popular, que terá lugar durante a tarde do sábado 12 de maio e repartirá 1.225 euros en premios. A proba, organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo, terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira e unha extensión de 8,6 quilómetros na súa categoría absoluta. Unha proba incluída no VI Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña.


As inscricións deberán realizarse a través da páxina web www.emesports.es. As anotacións nas probas escolares son totalmente gratuítas (pitufos, prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís, cadetes e xuvenís –é dicir, de 17 ou menos anos) mentres que os demais atletas (júniores, promesas, séniores e veteranos) deberán achegar 5 euros. O prazo de inscrición estará aberto ata as 23:59 horas do xoves 10 de maio Non se admitirán inscricións fóra dese prazo.

 

Premios

 

O Concello de Frades destina un total de 1.225 euros en premios para os cinco primeiros clasificados da categoría absoluta (250, 150, 100, 75 e 50 euros) e para os tres mellores equipos tanto na categoría masculina como feminina (150, 100 e 50 euros). A clasificación por clubs será establecida a través da suma dos puntos acadados polos seus 8 primeiros corredores en cruzar a liña de meta.

 

Ademais dos premios en metálico, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto para homes como para mulleres. O Concello de Frades tamén entregará trofeos especiais ao club-entidade-colexio que achegue máis corredores e trofeo para os tres primeiros clasificados/as empadroados/as en Frades. Así mesmo, o Concello de Frades entregará medallas a todas e todos os participantes escolares. Os trofeos non serán acumulativos, agás os correspondentes aos atletas locais.

 

Só se admitirá a participación de clubs federados nos premios en metálico, que terán que presentar a listaxe dos atletas co selo oficial da Federación Galega de Atletismo ou, no seu defecto, da Delegación correspondente. Na confección do Club non poderán entrar atletas pertencentes a outros clubs nin filiais deste. Ademais, os equipos poderán ser masculinos ou femininos, non mixtos.

 

Probas

 

A V Carreira Pedestre Popular Concello de Frades desenvolverase a partir das 17:00 horas na contorna da praza pública de Ponte Carreira. A proba principal, con saída ás 18:30 horas, percorrerá 8,6 quilómetros nunha ruta que combina asfalto e terra e que terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira. Os atletas correrán cun chip que lles será entregado no momento de recoller o dorsal e que deberán entregar unha vez crucen a meta. Os dorsais poderán recollerse na Secretaría da Competición, na praza de Ponte Carreira, ata media hora antes da proba. Haberá servizo de vestiario e de duchas á disposición de todas e todos os atletas no polideportivo municipal.

 

As probas escolares darán comezo ás 17:00 horas coas categorías Pitufo-Biberón-Sub 6 (nados/as en 2013 e posteriores) que farán un percorrido de 300 metros (unha volta á praza). Ás 17:10 horas será a quenda dos prebenxamíns-sub 8 (nados/as entre 2011 e 2012), que percorrerán 500 metros. Os benxamíns-sub 10 (2009-2010) e alevíns-sub 12 (2007-2008) sairán ás 17:20 e ás 17:30 horas, respectivamente, para percorrer unha distancia de 800 metros. Ás 17:45 horas tomarán a saída infantís e cadetes feminino (2003-2004-2005-2006), cun percorrido de dous quilómetros. Finalmente, os cadetes masculino e xuvenís (2001-2002-2003-2004) percorrerán 3 quilómetros ás 18:00 horas.

 

O Concello de Frades entregará medallas a todas persoas que participen nas categorías escolares (de biberón a cadete), así como unha camiseta conmemorativa a todas as persoas participantes. Tamén haberá un avituallamento con froita e bebida  ao remate da proba.

 

A V Carreira Pedestre Popular Concello de Frades está organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo. Conta coa colaboración de: Deputación da Coruña, Galega 100%, Cooperativa Leiteira de Frades, Feiraco, Centro de Fisioterapia y Rehabilitación Jessica Gómez, Nutri Sport, Infantilandia, Camba Distribuciones SL, Eurofrut, Bebidas Jesús Bendaña Ramos SL, Supermercado Claudio María Vázquez Pardo, Froitería A Nova, Pepsico, Erimsa, Carreiras Galegas e Correr en Galicia.