Versión en castellano
Inicio Novas A piscina de Frades acolle este sábado o “Día do/a Neno/a” con inchables, xogos, tren turístico, merenda e festa da escuma
A piscina de Frades acolle este sábado o “Día do/a Neno/a” con inchables, xogos, tren turístico, merenda e festa da escuma
Xoves, 05 Xullo 2018 00:00

diadoneno2015webA renovada piscina municipal de Frades acollerá este sábado 7 de xullo, a partir das 16:00 horas, a celebración do “Día do/a Neno/a”, organizado polo Concello de Frades. Unha gran festa que este ano cumpre a súa décima edición e na que os rapaces e rapazas volverán dispoñer, de xeito totalmente gratuíto, de inchables (acuáticos e de terra), xogos populares, tren turístico, merenda co obradoiro “Ponlle as pilas ao teu bocata”, lambonadas, festa da escuma e moitas sorpresas.


Entre esas sorpresas inclúese o espectáculo musical “Brinca Vai 2.0”, do músico Paco Nogueiras que, a partir das 18:00 horas, interpretará as cancións do libro-disco do mesmo nome publicado por Kalandraka. Unha actividade dirixida ao público infantil e familiar no que Nogueiras interpreta cancións baseadas en temas como a natureza, os xogos tradicionais ou as festas, sempre cun toque de humor. Unha proposta que inclúe distintos ritmos para o público asistente: rap, techno, rock e reggae.

 

Ademais, o Concello de Frades ofrecerá merenda de balde a toda a rapazada que participe e porá á súa disposición un tren turístico que os levará polas distintas parroquias do municipio. Este tren alternará viaxes curtas de 15 minutos con percorridos de 45 minutos, nos que se amosarán as riquezas culturais e paisaxísticas das distintas parroquias do municipio.

 

Campionato de Pesca

 

Previamente, a partir das 10:00 horas, a área recreativa do río Maruzo (Céltigos) acollerá o XV Campionato Municipal de Pesca Infantil do Concello de Frades, unha actividade dirixida a menores de 16 anos (que deberán estar acompañados por unha persoa adulta). Para tomar parte só é preciso ir provisto de cana e cebo, xa que a participación é totalmente libre e de balde.

 

O alcalde de Frades, Roberto Rey, e o concelleiro de Medio Rural, Manuel Ferreiro, entregaranlles cadansúa medalla a todos os participantes, así como unhas lambonadas. O acto rematará cun pequeno almorzo a base de empanada e bocadillos para repoñer forzas na propia área recreativa do río Maruzo. Para participar só é preciso anotarse no Concello antes do venres 6 de xullo.