Versión en castellano
Inicio Novas Clausurado o obradoiro de emprego Ordes-Frades II, que formou profesionalmente a 20 persoas nos últimos nove meses
Clausurado o obradoiro de emprego Ordes-Frades II, que formou profesionalmente a 20 persoas nos últimos nove meses
Luns, 13 Agosto 2018 17:40

clausuraobradoiroOrdes-FradesIIA secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e os alcaldes de Ordes e Frades, José Luis Martínez Sanjurjo e Roberto Rey Martínez, clausuraron esta mañá o obradoiro de emprego Ordes-Frades II, que formou a vinte persoas durante os últimos nove meses. O acto co cadro directivo, alumnado, profesorado e persoal administrativo tivo lugar na estación da Pontraga (Ordes).

 

A secretaria xeral destacou a importancia deste tipo de iniciativas nas que a colaboración e a ocupación van da man, e avanzou a ampliación ata os 12 meses dos novos programas formativos deste tipo, os cales incluirán prácticas en empresas. Pola súa banda os rexedores de Ordes e Frades destacaron o traballo levado a cabo en diversos puntos dos seus municipios e lembráronlle á titular autonómica a recente solicitude dun novo obradoiro de emprego, Brañas do Illó-Río Samo. esta vez cun terceiro concello: Mesía.

 

O obradoiro Ordes-Frades II contou cun orzamento de 334.845 €, dos cales case 280.000 € foron achegados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, 24.500 euros aportounos o Concello de Frades e os 28.000 € restantes o de Ordes. Durante nove meses, o obradoiro desenvolveu un programa mixto de emprego e formación dirixido a mellorar a ocupación de 20 persoas desempregadas. Entre as funcións realizadas figuraron as de albanelería de fábricas e cubertas, así como os traballos de viveiros, xardíns e centros de xardinería.

 

Actuacións

 

No acto de hoxe proxectouse un vídeo no que se puideron ver o antes e o despois de todas as obras realizadas ao longo deste tempo. No caso de Frades, acondicionáronse os locais sociais de Vedral, Papucín e de Añá, así como as prazas Moar, Añá e Ponte Carreira. Tamén se realizou o mantemento e conservación das áreas recreativas da Ponte Carballa (Abellá), a segunda fase da presa de Ledoira, os Pasos de Aiazo e da piscina municipal de Frades.

 

No que atinxe a Ordes, hai que sinalar os acondicionamentos da antiga escola de parada, do local social do Mesón do Vento, da parcela situada entre as rúas de Frades e Cerceda, do parque infantil Pilar Martínez Viqueira, así como do da estación da Pontraga (Parada), onde ademais se instalou un aseo. Cabe destacar tamén o gran traballo executado no paseo Ramiro Recouso Liste, onde se renovou a pasarela tanto na súa parte superior como nos puntos de apoio da mesma, aplicouse tratamento a todo o mobiliario de madeira da zona para a súa conservación. Tamén se procedeu ao mantemento e limpeza das farolas e puntos lumínicos así como na zona de ocio infantil, onde ademais se instalou un areeiro. Tamén se arranxaron os tellados do muíño e das casetas dos animais. Por último procedeuse co mantemento e a rehabilitación de toda a zona verde do conxunto da zona.

 

Brañas do Illó-Río Samo

 

O pasado mes de xuño os alcaldes de Ordes, Frades e Mesía solicitaron un novo obradoiro de emprego, denominado Brañas do Illó-Río Samo, en dúas especialidades do eido forestal: repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, e actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. O seu importe total ascendería a preto de 339.200 € e formaría a 20 alumnos-traballadores (10 Ordes, 5 Frades e 5 Mesía). A maior parte dos custos sufragaríanse coa subvención de 288.800 € solicitada á Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os Concellos achegarían 22.600 € (Ordes), 7.548 € (Frades) e 5.787 € (Mesía), máis os gastos de indemnización de persoal e traslado a partes iguais.

 

Na zona de Ordes están previstas actuacións na parcela municipal do parque empresarial de Merelle (Nº 85), no parque Félix Rodríguez de la Fuente, rúa Nova, Campo da Feira, CEIP Castelao, CEIP Campomaior, área Adina-O Mesón do Vento, campo da festa de Parada, contorno capela de San Pedro-Adrán, entorno dos Marchás-Vilamaior e  campo de Fútbol de Barbeiros. En Frades traballarase en: leira do Carballal, campo de fútbol de Vitre, punto limpo, leiras de Gasalla, Campoduro e Sanamil, praza de Ponte Carreira, área O Muíño de Céltigos e piscina de Papucín,. Por último, en Mesía: Prazas Albixoi, Cumbraos, Rivas, Braña do Vilar, Visantoña, Boado, Mesía e Bascoi, área recreativa de Olas, zona polideportivo Xanceda, viveiro municipal e nas brañas de Valga.