Versión en castellano
Inicio Novas O Concello de Frades homenaxea a Ramiro López Cotón no seu 101 aniversario
O Concello de Frades homenaxea a Ramiro López Cotón no seu 101 aniversario
Martes, 02 Outubro 2018 00:00

RamiroLopezCotonO veciño máis lonxevo de Frades, Ramiro López Cotón, vén de cumprir 101 anos o pasado sábado 29 de setembro, unha data que celebrou con moitos e moitas dos seus familiares na Festa do San Miguel, que tivo lugar na carballeira de San Nicolau. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e o concelleiro de Medio Ambiente, Juan Carlos Portos Bra, achegáronse ata a carpa disposta pola familia para entregarlle a Ramiro López unha placa conmemorativa do Concello de Frades polo seu 101 aniversario.

 

Unha placa que Ramiro pode engadir ás que xa ten da súa participación na Festa dos Maiores, onde non faltou nin unha soa vez nos últimos dez anos. De feito, Ramiro mesmo aproveitou para pedir que lle reservaran a deste ano, pois non pensa faltar á cita.

 

Ramiro López Cotón naceu o 29 de setembro de 1917 en Aiazo. Casado con Consuelo, ten catro fillos, unha decena de netos e netas e algún que outro bisneto. Goza de boa saúde e está totalmente lúcido, se ben pola idade é preciso falarlle nun ton máis alto do habitual. De feito, participou na misa e na procesión do San Miguel na súa cadeira de rodas e compartiu o xantar coa súa familia na carballeira.

 

Ramiro López Cotón dedicouse ao oficio de zapateiro, “daquela cando se cosía e se facía todo a man”. De feito, foi un dos primeiros zapateiros de Frades e da comarca de Ordes, “pois antes os zapateiros viñan de Noia”, explica.