Versión en castellano
Inicio Novas O Concello de Frades e Cáritas inician mañá martes a quinta campaña de Nadal de recollida de alimentos para familias necesitadas
O Concello de Frades e Cáritas inician mañá martes a quinta campaña de Nadal de recollida de alimentos para familias necesitadas
Luns, 10 Decembro 2018 00:00

O Concello de Frades, en colaboración con Cáritas, porá en marcha mañá martes unha recollida de alimentos para as familias necesitadas do municipio. A campaña, que se organiza por quinto ano consecutivo e estará aberta ata o vindeiro 12 de xaneiro, busca recoller alimentos básicos: leite, aceite, azucre, pasta, arroz, legumes, conservas... que non estean caducados, non teñan superado a data de consumo preferente e estean debidamente etiquetados.


Tras o éxito das anteriores recollidas, o alcalde de Frades, Roberto Rey, agradece por adiantado “a colaboración tanto da veciñanza como dos distintos establecementos e entidades implicadas nesta importante labor que nos permitirá axudar ás familias máis necesitadas do municipio”. Este ano haberá seis puntos de recollida: os supermercados Loli (Abellá) e Claudio e Tandy (Ponte Carreira), a Cooperativa Central de Frades, o CPI Ponte Carreira e a propia Casa do Concello. O prazo de recollida dos alimentos estará aberto ata o 12 de xaneiro.

 

Durante as catro primeiras edicións recolléronse uns 400 quilos de alimentos por campaña. Agora, o Concello de Frades fai un novo chamamento á colaboración da veciñanza e pon á súa disposición os teléfonos dos Servizos Sociais municipais (981 69 55 67) e de Cáritas (647 120 228) para resolver calquera dúbida.