Versión en castellano
Inicio Novas Máis de cincocentas persoas reciben a Melchor, Gaspar e Baltasar en Frades
Máis de cincocentas persoas reciben a Melchor, Gaspar e Baltasar en Frades
Venres, 04 Xaneiro 2019 00:00

CReisFradesMáis de cincocentas persoas participaron esta tarde na cabalgata e festa de Reis organizada polo Concello de Frades. A diferenza do ano pasado, o tempo acompañou, polo que a cabalgata non só puido desenvolverse sen ningún problema senón que moita da rapazada e dos seus pais fixeron a pe o camiño dende o centro de Ponte Carreira ata o polideportivo municipal.

 

Como o ano pasado apenas puideron parar a entregar os caramelos pola chuvia, nesta ocasión a comitiva real fixo unha parada na praza de Ponte Carreira para entregar caramelos e facer as primeiras fotos cos máis dun cento de cativos que os estaban a agardar. Melchor, Gaspar e Baltasar chegaron este ano a bordo dun tren turístico e acompañados pola música do grupo Sarillo (Aiazo) e polo bo humor de Mickey e Minnie Mouse, Bob Esponja e Chase, da Patrulla Canina.

 

Á chegada ao polideportivo, mentres as súas Maxestades se preparaban para entrar no pavillón, os nenos e nenas desfrutaron doutra das novidades desta edición: o canón de neve, colocado no exterior do recinto para evitar así resbalóns. Dentro do pavillón, gran festa con dous grandes inchables, rocódromo e diversos obradoiros para os  máis pequenos, dende globoflexia ata maquillaxe.

 

A iso das 17:30 horas as súas maxestades fixeron a súa entrada no polideportivo municipal, onde foron recibidos polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, á fronte da corporación fradense. Acto seguido, e non sen antes repartir todos cantos caramelos levaban, subiron aos seus tronos e comezaron a recibir a todos e cada un dos pequenos, escoitar as súas peticións e agasallalos cunha bolsa de lambonadas.

 

A festa rematou cunha degustación gratuíta de chocolate quente e rosca, que foi moi ben acollida por todas as persoas presentes pois, pese a que o sol acompañou toda a tarde, en canto se ocultou comezaron a baixar as temperaturas ata os 5 ou 6 graos.

 

Este é o sexto ano consecutivo que se celebra a cabalgata no Concello de Frades. Unha iniciativa que se programou inicialmente un día antes do habitual debido a que as familias do municipio tiñan xa o costume de levar as crianzas aos desfiles de Santiago ou de Ordes, pero que resultou tal gran éxito de participación que fixo que se mantivera xa como tradición e xa son moitas as familias de fóra do municipio que se apuntan tamén a esta festa.