Versión en castellano
Inicio Novas Máis de cincocentas persoas participaron na Festa e Concurso de Disfraces do Concello de Frades
Máis de cincocentas persoas participaron na Festa e Concurso de Disfraces do Concello de Frades
Luns, 04 Marzo 2019 18:17

FradesCampionsO pavillón polideportivo de Ponte Carreira quedou pequeno durante a Festa de Disfraces do Concello de Frades, na que máis de cincocentas persoas chegadas tanto da comarca ordense coma de municipios próximos desfrutaron dun divertido e competido Concurso de Disfraces. Unha festa que se prolongou por máis de catro horas e nas que as persoas participantes tiveron á súa disposición inchables, música, un fotomatón de Entroido e obradoiros, da man de Garabato de Xogos.


Ademais, os máis pequenos contaron coa presenza de personaxes coma Peppa Pig, os minions ou da Patrulla Canina. Durante toda a xornada, o Concello de Frades convidou aos presentes a flocos de millo e a chocolate quente con bica. Así mesmo, ao rematar o Concurso de Disfraces todos os cativos levaron cadansúa bolsa de lambonadas para a casa.

 

FradesSegundosNo que atinxe ao Concurso de Disfraces, repartíronse 1.200 euros en premios entre os 26 participantes nas distintas categorías, que supuxeron máis de 150 participantes disfrazados. Os grandes gañadores da noite foron os integrantes da comparsa “Coco” (Frades), que levaron un premio de 300 euros. O segundo premio foi para unha comparsa moi semellante: “I día dos mortos”, tamén de Frades, premiada con 150 euros. Completaron o podio os ordenses “Paiasos manicómicos”, con 75 euros.

 

O Concello de Frades entregou tamén tres premios especiais á tres grupos locais: “Bar Tolo”, “Baby Shark mesoneros” é “Ovelliñas luceras”, de 125, 75 e 50 euros, respectivamente. A categoría adultos completouse cos premios a “Cura de Frades e criada” é “Samede en Frades”, ambas parellas do municipio e que levaron 100 e 75 euros.

 

Finalmente, na categoría infantil o primeiro premio foi para “As peliqueiras de Frades”, seguidas de dous grupos de Ordes, “Segunda xuventude” é Patrulla canina”, que conseguiron 100, 60 e 30 euros de premio. “O pequeno Freddy Mercury” (Frades) e “A bruxiña lunática” completaron a lista de premios, entregados polo alcalde, Roberto Rey Martínez, e os concelleiros Miguel Prado, Manuel Ferreiro, Juan Carlos Portos e Jesús Francos.