Versión en castellano
Inicio Novas O Concello de Frades conmemorará mañá martes o Día do Libro coa posta en marcha da biblioteca municipal, emprazada no multiúsos
O Concello de Frades conmemorará mañá martes o Día do Libro coa posta en marcha da biblioteca municipal, emprazada no multiúsos
Luns, 22 Abril 2019 00:00

BibliotecadeFrades2O Concello de Frades conmemorará mañá martes 23 de abril o Día do Libro coa posta en marcha da biblioteca municipal, emprazada no multiúsos de Cimadevila. Un acto que terá lugar a partir das 17:00 horas e que incluirá a actuación musical e o contacontos “Picadiscos Mari Faltri” e o agasallo de libros a todas as persoas asistentes. A participación é libre e totalmente de balde.

 

“Picadiscos Mari Faltri” é unha proposta de María Faltri, compoñente do grupo folk Faltriqueira, quen fará un repaso polos grandes éxitos da música infantil galega, ao tempo que fai coreografía e animación para os nenos e nenas coa súa minibiblioteca ambulante. Un espectáculo de 55 minutos de duración dirixido a un público infantil e que chega a Frades grazas á colaboración da Xunta de Galicia.

 

Unha vez rematado o espectáculo, todas as persoas asistentes recibirán un libro de agasallo. Trátase de exemplares doados tanto pola Deputación da Coruña como polo Concello de Frades dentro da campaña provincial “Libros para sermos libres”.

 

A biblioteca municipal do Concello de Frades está emprazada na planta baixa do edificio multiúsos canda á aula de informática e unha aula multiúsos, que ocupan o espazo que antes empregaba o Museo de Apeiros de Labranza, que foi trasladado á planta superior do inmoble.