Versión en castellano
Inicio Novas O Concello de Frades pon en marcha un programa gratuíto de acompañamento para persoas maiores que vivan soas
O Concello de Frades pon en marcha un programa gratuíto de acompañamento para persoas maiores que vivan soas
Mércores, 09 Outubro 2019 17:51

O Concello de Frades vén de poñer en marcha un novo servizo gratuíto de acompañamento para persoas maiores que vivan soas. “A idea é facilitar ás persoas maiores que vivan soas un servizo de acompañamento a domicilio cando o soliciten para asesoralas en calquera trámite administrativo, información sobre axudas ou bonificacións ás que teñen dereito, alerta diante de posibles estafas ou timos aos que poidan estar expostas... e, en xeral, para calquera consulta que elas requiran”, explica o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez.

 

A iniciativa está dirixida a persoas maiores de 65 anos, con ou sen dependencia, e que vivan soas no municipio de Frades. O servizo é gratuíto e as persoas interesadas deberán poñerse en contacto cos Servizos Sociais do Concello de Frades durante os tres próximos meses. “A nosa intención é comezar a prestar este servizo a principios de 2020, cumprindo así o noso compromiso coa cidadanía”, adianta o primeiro edil de Frades.

 

Con esta iniciativa, o Concello de Frades incrementa a súa oferta de servizos sociais gratuítos para persoas con grao de dependencia ou usuarias dos Servizos Sociais municipais, entre os que figuran podoloxía, perruquería e fisioterapia a domicilio.