Versión en castellano
Inicio Novas Miguel Prado e Fernández Moreda inauguran o novo terreo de xogo de herba artificial e a iluminación
Miguel Prado e Fernández Moreda inauguran o novo terreo de xogo de herba artificial e a iluminación
Martes, 06 Outubro 2009 17:34

O alcalde de Frades, Miguel Prado Patiño, e o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, veñen de inaugurar o renovado campo de fútbol de Abellá, ao que se dotou de terreo de xogo de herba artificial e iluminación.

Ambas as dúas actuacións, coordinadas entre o Concello e a institución provincial, supuxeron un investimento de máis de 470.000 euros, dos que 400.000 destináronse á instalación de herba sintética e 70.588 ao proxecto de iluminación.

Tanto Prado Patiño como Fernández Moreda eloxiaron o resultado final da obras de remodelación do campo e a substitución do antigo firme por un moderno terreo de xogo de céspede sintético, lastrado con area e caucho SBR, o que facilitará o uso permanente deste por parte dos clubs e entidades deportivas do concello. A obras realizada consistiron na substitución do terreo de xogo, a instalación do sistema de rega de longo alcance e a dotación dun sistema de drenaxe. Ademais, dotouse ao campo do correspondente equipamento deportivo. Así mesmo, procedeuse á instalación de catro torres de iluminación de 18 metros de altura e plataforma superior para catro proxectores con lámpadas de halogenuros metálicos de 2000 W cada unha, (máis dous de reserva) co que a potencia total de iluminación acadará os 36.000 W., o que permitirá unha iluminación óptima do campo e a súa utilización intensiva, incluso fóra das horas de luz natural.

O alcalde de Frades agradeceu á Deputación o importante apoio económico para facer realidade este proxecto, que lle permite ao concello dotarse dunha infraestrutura deportiva axeitada ás necesidades actuais do municipio e aos clubs dispor dunhas instalacións máis modernas, versátiles e funcionais.