Versión en castellano
Inicio Novas A conselleira de Traballo e Benestar compromete co alcalde de Frades a construción dun Centro de Día
A conselleira de Traballo e Benestar compromete co alcalde de Frades a construción dun Centro de Día
Mércores, 14 Outubro 2009 08:50

Frades contará cun centro de día, que se acometerá en dúas anualidades: 2010 e 2011. Así o comprometeu esta tarde a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, nunha entrevista mantida en San Caetano co alcalde de Frades, Miguel Prado Patiño. “A conselleira comprometeu que Frades terá un centro de día que se fará en dúas anualidades: en 2010 redactarase o proxecto e as obras realizaranse en 2011”, explica Prado Patiño. O alcalde fradense agradeceu a colaboración ofrecida por Beatriz Mato xa que “tiñamos os terreos cedidos para o centro de día dende o ano 2008, uns terreos que compramos con esta única finalidade por máis de 30.000 euros pero nos que a Administración anterior non fixo nada con eles.

Agora temos o compromiso de que o centro de día se fará en dúas anualidades”. Así, o futuro centro de día ubicarase en Ponte Carreira, “ao lado do Centro Médico, con amplas zonas para pasear e con zona de aparcamento”, explica Miguel Prado.

Prado Patiño fai fincapé na importancia que esta infraestrutura vai ter para os veciños e veciñas do municipio xa que “Frades ten unha poboación bastante envellecida e nós o que queremos é que poidan ficar nas súas casas estando perfectamente atendidos”. Neste punto tamén se inclúe o proxecto de instalar locais de ocio en todas as parroquias, un proxeccto que o Concello de Frades quere levar a cabo aproveitando as infraestruturas dos locais sociais. “A nosa idea é colocar neses locais de ocio unhas mesas, unha televisión, xogos de mesa e tres ou catro elementos de ximnasia, para que servan de reforzo a ese centro de día”, explica Miguel Prado.

Así mesmo, o alcalde de Frades transmitiulle á conselleira a intención do Concello de Frades de solicitar un obradoiro de emprego para o municipio. “A nosa intención é conseguir un obradoiro con varios módulos de carpinteiría, albanilería e xardinería, por exemplo, para poder acondicionar e restaurar os espazos públicos de Frades, as súas prazas e locais sociais”, explica Prado Patiño. Beatriz Mato confirmoulle que en xaneiro poderían sair as convocatorias para o vindeiro ano.

Finalmente, a conselleira de Traballo e Benestar tamén lle confirmou ao alcalde de Frades que en 2010 incrementarase o número de traballadores contratados a través dos Fondos de Cooperación Local. “Trátase dunha boa nova, xa que estes traballadores realizan múltiples traballos no municipio como o pintado dos locais sociais ou algunhas das melloras feitas na piscina de Papucín”, exemplificou o alcalde fradense.