Versión en castellano
Inicio Novas A Xunta mellorará a seguridade vial en máis de dous quilómetros da AC-524, ao seu paso por Abellá
A Xunta mellorará a seguridade vial en máis de dous quilómetros da AC-524, ao seu paso por Abellá
Mércores, 28 Outubro 2009 21:03

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asumirá os gastos necesarios para levar a cabo o proxecto de mellorar a seguridade viaria da estrada Ordes-Lanzá (AC-524), ao seu paso pola parroquia de Abellá, no termo municipal de Frades.

Esta actuación conta cun orzamento de 540.676 euros, que serán asumidos ao 100% pola Xunta, e actuarase en máis de dous quilómetros. Concretamente, esta actuación afectará o treito desta vía comprendido entre os puntos quilométricos 8+400 e 10+700, onde se establecerá unha serie de recorridos peonís continuos seguindo o trazado da estrada e aproveitando as súas marxes. O Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se declara de utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados por este proxecto. A finalidade desta actuación é garantir a seguridade dos peóns, xa que se trata dunha área poboada pola que discorre unha estrada cun nivel de tráfico importante.

Ademais, esta zona caracterízase por ter un tráfico mixto, ao circular coches con vehículos e maquinaria dedicada a labores agrícolas, polo que se poden orixinar situacións de risco en certos puntos do núcleo. Cómpre sinalar que o prazo de execución destas obras é de 9 meses e afectará aos veciños do concello de Frades, polo que ao remate dos traballos un total de 2.732 veciños deste concello coruñés se verán beneficiados.

Para a materialización destas obras será preciso mover máis de 6.000 metros cadrados de terra, dispor de 524 toneladas de mestura bituminosa en quente e estender 7.275 metros cadrados. Ao remate destes traballos, este treito viario contará con nova iluminación pública, restauración paisaxística e elementos de sinalización e balizamento.