Versión en castellano
Inicio Novas Técnicos da Xunta visitarán Frades para facer un proxecto de recuperación dos espazos naturais
Técnicos da Xunta visitarán Frades para facer un proxecto de recuperación dos espazos naturais
Mércores, 28 Outubro 2009 21:23

Técnicos da Consellería do Medio Rural visitarán Frades durante a primeira quincena do mes de novembro para analizar o estado dos espazos naturais do municipio e poder así elaborar un proxecto de recuperación dos mesmos. Así o acordaron o alcalde de Frades, Miguel Prado Patiño, e o director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García Borregón, durante unha reunión mantida en San Lázaro.

 

“Nós xa solicitamos a colaboración da Xunta para a recuperación dos espazos naturais de Frades, pero nos denegaron sistemáticamente esa axuda nos últimos tres anos”, explica Prado Patiño que sinala que “agora o novo director xeral de Conservación da Natureza comprometeuse a enviar aos técnicos da Consellería do Medio Rural para que vexan os lugares, estuden o que é preciso facer e poidamos dispoñer dun proxecto para recuperar estas zonas, que son un dos principais atractivos turísticos do noso municipio”.

A Presa e ruta de sendeirismo

O alcalde fradense entregoulle a Ricardo García Borregón un informe sobre a situación dos espazos naturais de Frades e un dossier fotográfico sobre o estado de conservación dos mesmos. “En concreto, referinme especialmente á área natural de A Presa, en Ponte Carreira, pois foi acondicionada polo Concello hai un tempo pero o río se atopa cheo de maleza e é preciso unha limpeza tanto do río como das súas marxes”, apunta Miguel Prado. Unha actuación de especial interese pois se trata dun espazo natural no núcleo urbano de Ponte Carreira e se trata dunhas das presas naturais máis grandes de Galicia.

A outra gran área natural para a que se pedíu colaboración é a que se inclúe na ruta de sendeirismo polo río Tambre, que ao longo de 12 quilómetros discorre pola área recreativa de Os Pasos (Aiazo), a praia fluvial da Presa e Ponte Brates.

Clube de Cazadores de Frades

Así mesmo, Miguel Prado Patiño, como secretario do Clube de Cazadores de Frades, aproveitou a entrevista para solicitarlle a García Borregón unha serie de melloras no hábitat da perdiz e do coello. O director xeral de Conservación da Natureza indicoulle que en próximas datas sairán unhas axudas autonómicas para roturacións, sembrados e biotopos para o coello.

Ademais, Prado Patiño expúxolle a precaria situación dun cerramento de media hectárea que dispón o Clube de Cazadores de Frades no que se sitúan un parque de perdices e un criadeiro de adaptación e crianza de coellos, que foi elaborado hai dez anos grazas a unha axuda da Xunta e que na actualidade se atopa moi afectado polos temporais do pasado inverno. O Clube de Cazadores de Frades conta con case 300 socios e foi creado no ano 1985.