Versión en castellano
Inicio Novas O Concello de Frades organiza seis cursos de formación gratuítos para adultos ocupados
O Concello de Frades organiza seis cursos de formación gratuítos para adultos ocupados
Mércores, 04 Novembro 2009 14:33

 

O Concello de Frades organiza seis cursos de formación gratuitos, de trinta horas de duración cada un, dentro do seu programa de actividades "Outono-Inverno". O programa deste ano inclúe novidades coma os cursos de tapicería de mobles, xardinería, conservación de alimentos ou de confección artesanal, así como novas edicións de cursos que rexistraron unha gran participación na convocatoria "Primavera-Verán", como os de arte floral e informática.

 

Seis actividades educativas e formativas que están dirixidas especialmente aos adultos ocupados do municipio, co obxectivo axudarlles a mellorar a súa formación laboral. E mesmo abrirlles novas posibilidades de negocio. As clases terán lugar no edificio multiusos do Concello de Frades e tanto as datas e os horarios se determinarán unha vez que se conforme o grupo, de acordo co horario laboral e os intereses dos participantes. A pesares de seren cursos de balde, será preciso anotarse previamente na Casa do Concello ou no teléfono 981 695 567.

 

Contido dos cursos

 

O curso de tapicería de mobles, unha das principais novidades deste ano, é un claro exemplo da aposta do Concello de Ordes por que estes cursos servan para fomentar o autoemprego. Así, ademais das típicas prácticas de tapicería e estudio de materiais, o curso inclúe unha introdución á economía social, con explicación das distintas formas societarias existentes e especial atención ás formes de asociacionismo agrario e desenvolvemento rural. O mesmo sucede co curso de conservación de alimentos (onde se analizarán os métodos de conservación das froitas, hortalizas e produtos cárnicos) e no de arte floral (onde os alumnos aprenderán a deseñar arranxos florais).

 

O curso de informática fará unha introdución ao sistema operativo windows e Internet, para despois pasar a coñecer programas como Word, Excel e Access; mentras que o de confección artesanal explicará como facer pezas como alfombras ou tapices. Finalmente, o curso de xardniería ensinará aos alumnos dende a preparación do chan ata a plantación e identificación de plantas ornamentais.

 

Tempo libre

 

Así mesmo, o Concello de Frades ten aberto tamén o prazo de inscrición nun curso de monitores en actividades de tempo libre, que terá lugar ao longo de 350 horas lectivas e que será impartido pola Escola Galega de Tempo Libre. Unha actividade na que poderán participar ata un máximo de 25 veciños e veciñas de Frades, que deberán anotarse canto antes no Concello fradense ou a través do teléfono 981 69 55 67, xa que a admisión realizarase por rigurosa orde de inscrición.

 

O curso consta dunha fase teórico-práctica de 200 horas lectivas e outra práctica de 14 días de actividade nun campamento ou de 150 horas nunha entidade de tempo libre. Durante este tempo, os alumnos coñecerán todo o relacionado coa organización de actividades de tempo libre que os capacitarán para poder traballar nun sector de gran crecemento nos últimos anos.

 

O curso desenvolverase os sábados dos vindeiros cinco meses, na Casa da Cultura de Frades, en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. Para anotarse só hai que dirixirse ao Concello de Frades, encher a folla de inscrición e adxuntar fotocopia do DNI, foto tamaño carné, fotocopia do título de Secundaria (mínimo) e fotocopia do resguardo bancario de ter aboado a matrícula.

 

Unha cota que ascende a 220 euros, dos que 100 euros deberán aboarse no momento de formalizar a inscrición. As cantidades restantes poderanse aboar en dous prazos. O Concello de Frades subvencionará as cuotas segunda ou terceira, de 60 euros cada unha, a todos os alumnos empadroados en Frades e que teñan unha antigüidade de máis dun ano. Unha axuda que se fixará en función do número de matriculados.