Versión en castellano
Inicio Novas O Concello de Frades premia ao CPI Pontecarreira pola súa representación do Entroido
O Concello de Frades premia ao CPI Pontecarreira pola súa representación do Entroido
Luns, 15 Marzo 2010 19:46

entroidocpiO Concello de Frades decidiu premiar con 500 euros ao Colexio Público Integrado (CPI) Pontecarreira pola súa representación do entroido, na que participaron todos os alumnos do centro. Un galardón extraordinario, e que non estaba previsto no Concurso de Disfraces, pero que o Concello de Frades decidiu outorgar debido “á vistosidade do desfile e ao traballo realizado por mestes e alumnos que, aproveitando o Ano Santo, representaron unha gran peregrinación a Santiago que fixo as delicias de todos os veciños de Frades”, explica o alcalde, Miguel Prado Patiño. 

 

O desfile de entroido do CPI Pontecarreira tivo lugar o pasado venres e nel participaron todos os alumnos e alumnas do centro, así como os seus mestres e algúns veciños da zona, que percorreron as rúas de Pontecarreira entre o colexio e a praza da localidade, onde estaba situada unha “Porta Santa” feita con papel. Un desfile que representou unha peregrinación a Santiago na que cada clase estaba caracterizada cun tipo especial de disfraz. Así, os máis pequenos ían disfrazados de pelegríns (tradicionais co caiado e gorro, en bicicleta e mesmo como a antiga mascota do Xacobeo), outros ían caracterizados como voluntarios do Camiño, enfermeiros, médicos...

 

Tampouco faltou a parte “relixiosa” da peregrinación: o Apóstolo, monxas, curas, bispos e mesmo o Papa, que apareceu nun peculiar “Papa móvil” cos seus gardacostas. Ttamén estiveron representadas as autoridades civís, dende os presidentes do Goberno e da Xunta ata a Familia Real ao completo, todo elo grabado por un “equipo de televisión” que inmortalizou o momento. 

 

Miguel Prado explicou que “despois de tan gran demostración de inxenio, traballo e bo humor non podiamos deixar de premiar esta iniciativa como se merece”. Por iso, o Concello de Frades entregará esta semana á directora do CPI Pontecarreira un premio especial de 500 euros.

entroidocpi1

entroidocpi2