Versión en castellano
Inicio Novas A Xunta anúncialle ao alcalde o inicio da redacción do proxecto do centro de día de Ponte Carreira
A Xunta anúncialle ao alcalde o inicio da redacción do proxecto do centro de día de Ponte Carreira
Mércores, 02 Xuño 2010 08:13

alcaldeconselleiraA conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, vén de anunciarlle ao alcalde de Frades, Miguel Prado, o inicio da redacción do proxecto para a construción dun centro de día en Ponte Carreira. Así llo confirmou a propia conselleira ao alcalde fradense no transcurso dunha entrevista mantida nas instalacións da Consellería de Traballo e Benestar na cidade da Coruña.

 

 

Miguel Prado amósase moi satisfeito polo anuncio do inicio da redacción deste proxecto xa que “a pesares destes tempos de crise económica, a conselleira Beatriz Mato mantén o seu compromiso con Frades de que as obras do centro de día comezarán en 2011”. Neste sentido, a conselleira anunciou tamén a súa intención de visitar Frades para presentar a maqueta do proxecto e coñecer sobre o terreo a situación do novo centro de día.

 

Deste xeito, a Xunta cumpre co seu compromiso, adquirido o pasado mes de outubro de 2009, de que o centro de día de Frades se acometería en dúas anualidades: en 2010 redactarase o proxecto e as obras licitaranse e comezarán en 2011. O alcalde fradense agradece especialmente a colaboración ofrecida por Beatriz Mato xa que “tiñamos os terreos cedidos para o centro de día dende o ano 2008, uns terreos que compramos con esta única finalidade por máis de 30.000 euros pero nos que a Administración anterior non fixo nada con eles”.

 

O futuro centro de día ubicarase en Ponte Carreira, ao lado do centro médico, con amplas zonas para pasear e con zona de aparcamento. Prado Patiño fai fincapé na importancia que esta infraestrutura vai ter para os veciños e veciñas do municipio xa que “Frades ten unha poboación bastante envellecida e nós o que queremos é que poidan ficar o maior tempo posible nas súas casas estando perfectamente atendidos”.

 

Cooperación local

 

Así mesmo, o alcalde de Frades interesouse polos traballadores que o Concello fradense poderá contratar ao abeiro dos Fondos de Cooperación Local, unhas axudas que se coñecerán nas próximas semanas. No caso concreto de Frades, estes traballadores encargaríanse de levar a cabo traballos de limpeza e conservación de pistas, mantemento das áreas recreativas e das zonas de masa común, así como de continuar co plan de mellora dos locais sociais das distintas parroquias do municipio Ademais, o Concello de Frades pretende que algúns destes traballadores poidan realizar tamén tarefas de dinamización social nestes locais.