Versión en castellano
Inicio Novas Uns 550 veciños de Frades ateigaron a carballeira de San Nicolau na XIII Festa dos Maiores
Uns 550 veciños de Frades ateigaron a carballeira de San Nicolau na XIII Festa dos Maiores
Mércores, 02 Xuño 2010 08:26

festamaioresUn total de 550 veciños e veciñas de Frades, todos eles maiores de 60 anos, asistiron esta fin de semana á decimoterceira edición da “Festa dos Nosos Maiores”, organizada polo Concello de Frades. A gran carpa instalada na carballeira de San Nicolau acolleu primeiro unha misa solemne e despois un xantar de confraternidade, que contou coas actuacións da agrupación folclórica Sarillo (Aiazo) e do dúo Casino Sevilla.

 

 

O xantar, organizado polo Restaurante A Magdalena, estivo composto por empanada, polbo á feira e carne ao caldeiro, acompañado por viño, augas, refrescos e café. Un menú culminado cunha rosca larpeira e xeado, mentras o dúo Casino Sevilla puña a nota musical e moitos dos presentes se animaban a botar unhas bailas.

 

Este xantar estivo presidido polo alcalde de Frades, Miguel Prado Patiño, e contou coa presenza do xerente do Consorcio Galego da Igualdade e o Benestar, Roberto Rodríguez, quen desculpou a ausencia da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e destacou que dende a Xunta “puxemos en marcha máis de cen medidas para aumentar o benestar dos nosos maiores, que representades case unha cuarta parte da poboación galega”.

 

Homenaxe aos maiores de 90 anos

 

Antes do gran baile que puxo o punto final á festa, o Concello de Frades rendeu unha sentida homenaxe aos sete veciños e veciñas maiores de 90 anos que asistiron a esta festa. Neste sentido, Miguel Prado lembrou que en Frades hai medio cento de persoas maiores de noventa anos, “o que demostra que Frades é un concello no que se vive ben e moito”.

 

maiores90anos

 

Os homenaxeados deste anos foron: José María Veiras (de Galegos, 90 anos), Soledad Carneiro Uzal (de Galegos, 90 anos), Ramiro López Cotón (de Aiazo, 95 anos), Antonio Castro Guerra (de Gafoi, 91 anos), Josefina Fandiño Fernández (de Aiazo, 94 anos), María Nova Bao (de Abellá, 92 anos) e Manuela Carbajales Carbajales (de Ledoira, 91 anos). Todos eles recibiron unha placa conmemorativa desta XIII Festa dos Nosos Maiores de Frades da man do alcalde de Frades.

 

Así mesmo, todos os asistentes foron agasallados cunhas lanternas ecolóxicas, serigrafadas co escudo do Concello de Frades e que non utilizan baterías. O Concello de Frades puxo a disposición dos veciños un servizo gratuito de autobuses por todas as parroquias, que se encargou de achegar aos participantes ao campo da festa e de volvelos acompañar ata as súas casas ao remate do baile.

 

festadosmaiores2010bailefestadosmaiores