Versión en castellano
Inicio Novas As obras do saneamento de Pontecarreira comezarán no primeiro semestre de 2011
As obras do saneamento de Pontecarreira comezarán no primeiro semestre de 2011
Mércores, 20 Outubro 2010 19:20

reunionagustinhernandezAs obras de saneamento en Pontecarreira e Gafoi, orzamentadas en 1.366.000 euros, comezarán no primeiro semestre de 2011. Así llo confirmou o pasado 5 de outubro o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, ao alcalde de Frades, Miguel Prado, durante unha reunión celebrada esta mañá en San Caetano.

 

 

“Unha vez que está presentada toda a documentación, o conselleiro confirmounos que o proxecto será aprobado polo Consello da Xunta antes de finais de ano para que as obras poidan iniciarse no primeiro semestre de 2011”, sinala Prado Patiño, quen agradeceu “a especial sensibildade da Xunta con este proxecto, tan necesario para os veciños de Frades”.

 

Un proxecto redactado pola empresa APPLUS que inclúe a construción de dúas redes independentes para a recollida de augas pluviais e augas fecais en Pontecarreira e Gafoi. En total, construiranse cinco quilómetros de colectores e dous quilómetros de redes pluviais.

 

O Concello de Frades adquiriu o pasado mes de marzo unha parcela de 3.312 metros cadrados na zona de O Foxo, onde se instalará a depuradora que dará servizo a Pontecarreira e Gafoi. Unha adquisición que supuxo un investimento de 6.000 euros e que está siutada preto da actual Estación de Tratamento de Augas Potables (ETAP), ubicación que foi escollida tanto pola súa proximidade ao río como polas súas propias características xeográficas, pois presenta unha menor pendente que parcelas máis achegadas á ETAP.

 

Abastecemento a todo o concello

 

Así mesmo, o alcalde de Frades comprometeuse a enviarlle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, os proxectos para o abastecemento de auga potable ás parroquias de Añá e Moar para que os servizos técnicos desta Consellería os revisen e poidan planificarse os investimentos necesarios para acometer estes traballos. Uns proxectos orzamentados en 1.437.000 euros, no caso de Moar, e en 880.000 euros, no caso de Añá.

 

“Trátase de dous proxectos moi importantes, pois suporían que todos os veciños de Frades poderán ter acceso ao abastecemento de auga”, explica Miguel Prado, quen destaca “a importante colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas con Frandes, onde recentemente sacou a contratación as obras de abastecemento á parroquia de Galegos por un importe de 198.000 euros”. A maiores, o Concello de Frades está a investir este ano 236.000 euros do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostenibilidade Local (FESL) para garantir o abastecemento de auga en Vitre e Céltigos.

 

Por último, Miguel Prado solicitoulle a Agustín Hernández que o seu departamento axilice ao máximo a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, para poder expoñelo ao público. Neste sentido, o alcalde de Frades destacou que os informes técnicos van a bo ritmo e que contan co consenso dos tres grupos que compoñen a corporación municipal fradense.