Versión en castellano
Inicio Novas Frades e Mesía poñen en marcha un obradoiro de emprego que dará traballo a 32 desempregados
Frades e Mesía poñen en marcha un obradoiro de emprego que dará traballo a 32 desempregados
Mércores, 10 Novembro 2010 19:49

obradoiroempregoOs alcaldes de Frades, Miguel Prado Patiño, e Mesía, Mariano Iglesias Castro, asinaron esta mañá co xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, Luís Alberto Álvarez Freijido, un convenio de colaboración para a posta en marcha dun obradoiro de emprego en ambos municipios. Unha iniciativa que terá lugar ao longo dun ano e para a cal a Consellería de Traballo e Benestar aportará un total de 540.000 euros, mentras que os Concellos de Frades e de Mesía achegarán 15.000 euros cada un.

 

 

O “Obradoiro de emprego Mesía-Frades I” contará, pois, cun orzamento de 570.000 euros. Isto permitirá contratar a 32 persoas de Frades e Mesía (25 alumnos desempregados e 7 formadores) por un periodo dun ano. De feito, Luís Alberto Álvarez destacou que o obxectivo destes obradoiros de emprego é “darlles unha formación a persoas desempregadas  que lles facilite a súa inserción laboral”. As clases teóricas terán lugar no antigo colexio da parroquia de Lanzá (Mesía), mentres que as prácticas terán lugar en ambos municipios por igual.

 

Especialidades

 

O “Obradoiro de emprego Mesía-Frades I” contará con dúas especialidades: traballadores forestais e auxiliares de axuda a domicilio. Miguel Prado sinala que “trátase dunhas modalidades moi demandadas tanto en Frades como en Mesía” e  puntualiza que “os auxiliares de axuda a domicilio son uns profesionais especialmente solicitados en ambos concellos, pois temos unha poboación bastante envellecida que precisa destes servizos”.

 

Tanto Prado Patiño como Iglesias Castro destacan tamén os beneficios que aportarán os traballadores forestais, que permitirán acondicionar espazos naturais, áreas recreativas, prazas públicas e zonas verdes de Frades e Mesía, así como realizar actuacións de recuperación do patrimonio etnográfico de ambos municipios.

 

Mariano Iglesias sinala que “unha vez asinado o convenio protocolario de investimento co xefe territorial de Traballo e Benestar, nuns días comezará o proceso de selección dos alumnos entre os inscritos no Servizo Galego de Colocación, polo que contamos con empezar co obradoiro o 24 de decembro”. Canda eses 25 alumnos, o “Obradoiro de emprego Mesía-Frades I” permitirá contratar a un total de sete docentes, cinco a tempo completo e dous a tempo parcial.

 

Os alcaldes de Frades e Mesía agradeceron a Luís Alberto Álvarez Freijido a colaboración da Consellería de Traballo e Benestar na posta en marcha desta iniciativa, que “está axustada á realidade de ambos concellos e dará traballo a moitos veciños con obras de interese xeral e social que lles permitirán mellorar a súa empregabilidade”, explica Prado Patiño.