Versión en castellano
Inicio Novas 38 veciños participan na primeira quenda de visitas ao balneario de Brión
38 veciños participan na primeira quenda de visitas ao balneario de Brión
Xoves, 17 Febreiro 2011 19:19

balneariobrionUn total de 38 veciños de Frades participan na primeira quenda de saídas ao Hotel Balneario Compostela, situado no municipio de Brión, dentro das xornadas dedicadas á saúde organizadas polo Concello de Frades e que teñen lugar todos os xoves dos meses de febreiro e marzo. Esta exitosa cifra de participación consolida unha iniciativa que xa vai polo seu terceiro ano consecutivo de celebración, xa que nas anteriores edicións participaron unha media de oitenta persoas no conxunto das dúas quendas.

 

 

Os asistentes, que se desprazan nun autobús que os recolle en distintas localidades de Frades, pasan en cada xornada tres horas no Hotel Balneario Compostela. Alí disfrutan dun circuíto termal que inclúe piscinas de chorros, contracorrentes, jacuzzi, saunas, ducha bitérmica e de aromas, circuito circulatorio de pernas, e unha sala de relax con mármores quentes.

 

Segunda quenda, en marzo

 

Ademais desta primeira quenda de febreiro, o Concello de Frades organiza unha segunda para os catro primeiros xoves de marzo. No vindeiro mes participarán todas as persoas que quedaron en lista de agarda en febreiro, as novas inscricións e, no caso de que houbese aínda prazas vacantes, sortearíanse entre quen quixeran repetir.

 

Nestas xornadas saudables poden anotarse todos os veciños e veciñas empadroados no municipio fradense, sen ningún límite de idade. O prezo por catro xornadas é de tan só 35 euros por persoa, xa que o Concello de Frades subvenciona o 50% do custo da actividade e paga integramente o servizo de transporte.