Versión en castellano
Inicio Novas REUNIÓN DO ALCALDE CO PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN
REUNIÓN DO ALCALDE CO PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN
Martes, 24 Xaneiro 2012 14:37

reuniondiegocalvo_2

O alcalde de Frades, Miguel Prado, sostivo unha reunión de traballo co presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, na que o primeiro edil fradense lle trasladou ao máximo responsable da institución provincial as principais peticións do Concello a curto prazo. Prado Patiño explica que o principal obxectivo deste encontro era que “se nos compense con investimentos o tempo perdido co anterior goberno da Deputación, que durante anos marxinou a Frades nas súas iniciativas”.

O principal asunto que abordaron Prado e Calvo foi a dotación de sendas peonís para varios treitos das dúas estradas de titularidade provincial que percorren o termo municipal de Frades. Trátase da CP-3802, que comunica Ordes con Pontecarreira (Frades), e da CP-3801, que vai desde Cima de Vila (Frades) ata Sigüeiro (Oroso). O alcalde lembrou que xa presentou estes proxectos durante os últimos anos “pero non foron atendidos polo anterior goberno provincial, e en cambio si executou obras semellantes en varios concellos colindantes”.

Agora, Diego Calvo comprometeuse a ter en conta eses proxectos. Segundo explica Miguel Prado, poderán ser financiados mediante un programa provincial ou mediante a formalización dun convenio entre as dúas administracións. Sairán adiante en canto a Deputación conte con dispoñibilidade económica. Prado Patiño aproveitou tamén o encontro para solicitarlle a Calvo a instalación dunha decea de marquesiñas nestas dúas estradas de titularidade provincial. Parte delas servirán para reponer as vellas, que presentan certo grao de deterioro, e as demais serán de nova ubicación, atendendo ás demandas veciñais.

  

Programa de emprego e revisión catastral

Do mesmo xeito, o alcalde xestionou a entrada de Frades no futuro programa de emprego da Deputación, co que se fomentará a contratación temporal de persoas en situación de desemprego para acometer traballos de interese xeral. Miguel Prado amósase satisfeito con esta iniciativa porque “como alcalde unha das miñas prioridades foi sempre xerar emprego no concello, e máis nestes tempos de crise”.

Diego Calvo anuncioulle tamén a Prado Patiño que a Deputación financiará integramente os traballos de revisión catastral que se efectuarán no municipio con cargo á anualidade de 2013. O rexedor municipal destacou que este procedemento permitirá poñer ao día a información catastral de Frades, recollendo todos os cambios que se produciron desde a anterior revisión, que se fixera a mediados da década dos noventa.


Apoio extra ás mancomunidades

Durante a reunión, o alcalde emprazou ao presidente provincial a darlles prioridade nas convocatorias de axudas da Deputación aos concellos que aposten pola prestación de servizos en conxunto, como é o caso dos da comarca ordense, agrupados baixo a Mancomunidade. “A de Ordes é das máis antigas de Galicia, senón a que máis, e toda esa experiencia permítenos dicir que é sistema que aproveita mellor os recursos e fai que os servizos e actividades cheguen a máis xente”, argumenta o alcalde.

Prado Patiño advirte que, nun momento en que se comeza a debater unha posible fusión de concellos, “un bo primeiro paso é darlles un apoio adicional a aqueles que xestionan servizos de forma común”. O presidente provincial confirmou que a Deputación introducirá ese factor cando menos nas convocatorias de cultura e deportes e de promoción económica.