Versión en castellano
Inicio Novas Medio Ambiente destinará 800.000 euros a dotar dunha nova rede de abastecemento ás parroquias de Moar e Añá, en Frades
Medio Ambiente destinará 800.000 euros a dotar dunha nova rede de abastecemento ás parroquias de Moar e Añá, en Frades
Mércores, 20 Xullo 2016 00:00

160720 FradeswebA conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Frades, Roberto Rey, asinaron hoxe un convenio de colaboración, dotado cun 800.000 euros, que permitirá rematar a rede de abastecemento de auga do municipio. Este convenio permitirá levar o abastecemento de auga ás parroquias de Moar e de Añá, así como outros dous núcleos de poboación cercanos: Campoduro (Céltigos) e Cadaval (Ledoira).

 

O alcalde de Frades explica que se trata “dun investimento moi importante para Frades porque suporá achegar a rede de subministro de auga case que ao 100% da veciñanza, polo que temos que agradecerlle á Xunta de Galicia e a conselleira Beatriz Mato que cumprisen os seus compromisos cun pequeno municipio rural como é Frades, xa que o Concello non podería nunca asumir en solitario esta obra”. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá os 800.000 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), en tres anualidades: 50.000 euros en 2016, 600.000 euros en 2017 e 150.000 euros en 2018.

 

Actualmente os habitantes das parroquias de Moar e Añá abastécense de traídas particulares, pozos e outros métodos. O obxectivo destas obras é dotar dunha rede primaria de abastecemento de auga ao núcleo de Moar e executar pequenos ramais secundarios que abastezan ás vivendas da zona que non dispoñen de conexión a dita rede, entre os que figuran núcleos importantes de poboación como Campoduro e O Cadaval, das parroquias de Céltigos e Ledoira.

 

O Concello de Frades terá que poñer a disposición da Consellería todos os terreos precisos para a execución das obras libres de gravames; obterá os permisos e licenzas precisos, sen repercutir ningún gasto sobre a Administración autonómica; e asumirá a conservación e mantemento das instalacións unha vez rematadas. Pola súa banda, a Xunta asume a licitación e execución dos traballos.

 

Segundo destacou Mato, este tipo de colaboracións garanten a subministración de auga en calidade e cantidade á cidadanía e dan cumprimento á Directiva Marco da Auga; axúdase ás entidades locais a mellorar a rede de abastecemento secundaria; e garántese o abastecemento e regulación dos recursos hídricos en calidade e cantidade coa realización das obras de infraestrutura necesaria, velando así mesmo polo seu consumo responsable e fomentado o seu aforro.