Versión en castellano
Inicio Novas O punto limpo de Frades e Mesía abre mañá mércores as súas portas
O punto limpo de Frades e Mesía abre mañá mércores as súas portas
Martes, 02 Agosto 2016 12:48

cartelpuntolimpowebO punto limpo dos concellos de Frades e de Mesía abrirá as súas portas mañá mércores 3 de agosto no lugar de Alamparte, parroquia de Céltigos (Frades), que dará servizo aos veciños e veciñas empadroados en ambos municipios. Unha parcela emprazada a pé da N-634, polo que é de doado acceso tanto para os veciños de Frades como para os de Mesía. Inicialmente, os horarios de atención ao público serán os mércores, de 16:00 a 20:00 horas, e os sábados, de 12:00 a 16:00 horas.


O alcalde de Frades, Roberto Rey, indica que “durante estos primeiros meses estaremos cun funcionamento e un horario en probas, que podería modificarse en función da demanda e das necesidades dos veciños e veciñas de Frades e de Mesía”. Neste sentido, fixo fincapé en que o punto limpo é para uso exclusivo de particulares empadroados en Frades ou Mesía, xa que está totalmente prohibida a entrada de residuos de orixe industrial.

 

Residuos admisibles

 

Este punto limpo de Frades e Mesía supuxo un investimento de 263.178 euros, financiados integramente pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. A instalación dispón de dúas plataformas a distinto nivel. A plataforma máis elevada (1,45 metros por riba da outra) será a utilizada pola veciñanza para descargar os distintos tipos de residuos admisibles: papel, cartón, vidro, escombros, madeiras, plásticos, voluminosos, electrodomésticos, frigoríficos, aceite de motor e vexetal, aerosois, pinturas, plásticos de silo, fluorescentes e pilas. Non se admitirán residuos industriais de empresa, lixo orgánico, neumáticos fóra de uso, residuos fitosanitarios, bombonas, extintores, uralita de amianto, medicamentos, mercurio, plomo e residuos radioactivos.

 

A plataforma inferior do punto limpo será utilizada polos vehículos de retirada destes residuos. O desnivel entre ambas plataformas sálvase mediante un muro de formigón armado de trazado quebrado para facilitar a disposición dos contedores metálicos e a vertedura dos residuos ao seu interior.

 

Finalmente, o Concello de Frades lembra que está prohibido abandonar residuos de calquera tipo na porta das instalacións, fóra do horario de funcionamento do punto limpo. Para máis información e dúbidas, os usuarios poden dirixirse aos Concellos de Frades (981 695 567) ou Mesía (981 687 001).