Versión en castellano
Inicio Novas O Concello e a Xunta invisten preto de 40.000 euros en reparacións e mantemento no CPI da Ponte Carreira
O Concello e a Xunta invisten preto de 40.000 euros en reparacións e mantemento no CPI da Ponte Carreira
Martes, 16 Agosto 2016 13:23

colexio2016web

O Concello de Frades e a Xunta de Galicia invisten durante estas semanas preto de 40.000 euros en diversos traballos de reparación e mantemento das instalacións do Colexio Público Integrado (CPI) da Ponte Carreira. Os traballos acométense durante os meses de xullo e agosto para non interferir no desenvolvemento do curso lectivo, aproveitando as vacacións escolares.

A Consellería de Educación encárgase da renovación integral dos canos de todo o edificio, de acordo coas necesidades que aprezara o propio Concello de Frades no seu contacto habitual coa comunidade escolar. A nova instalación evita as deficiencias que comezaba a presentar a anterior e garante unhas óptimas condicións de uso do abastecemento da auga e do sistema de auga quente sanitaria do centro. O investimento da Xunta nesta actuación supera os 25.000 euros.

 

 

Pola súa parte, o Concello de Frades destina máis de 10.000 euros de fondos propios ao pintado de seis aulas do colexio. Este traballo complementa o iniciado o pasado verán, cando xa se pintaran varias aulas máis, priorizando sempre as que máis o precisaban e as que máis utilización teñen. Do mesmo xeito, mediante medios propios renóvanse os andeis do colexio e adecuouse unha aula para que poida acoller o banco de libros de texto do colexio, cun espazo para almacenar os materiais do servizo de limpeza. E na cociña procedeuse ao arranxo de varios alicatados, nunha das tarefas habituais de mantemento que realiza o Concello.

 

 

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que “o bo ritmo de execución das obras, froito da comunicación constante entre o Concello, os responsables do CPI e a Consellería, garante que todas as intervencións estarán rematadas no inicio do curso en setembro”.