Versión en castellano
Inicio Novas Máis de 5.000 persoas participaron na Romaría das Virtudes
Máis de 5.000 persoas participaron na Romaría das Virtudes
Sábado, 03 Setembro 2016 20:00

20160903_asvirtudes_2Máis de 5.000 persoas participaron hoxe sábado na tradicional Romaría das Virtudes, na parroquia de Vitre (Frades). Dende a Comisión Nosa Señora das Virtudes confirman que se ocuparon as 220 parcelas delimitadas para o xantar de familias, peñas e grupos de amigos.

O bo tempo animou a que ata Vitre se achegaran milleiros de persoas tanto dos municipios da comarca, como doutros concellos achegados e en xeral de toda a provincia. Ademais das 220 parcelas habilitadas, numerosos grupos de amigos acudiron aos tradicionais xantares de campo, sen necesidade de reserva, e montaron as súas tendas e casetas nas explanadas contiguas ao campo da festa. A media de ocupantes por espazo é vinte persoas, e moitas acadan o medio centenar cento de comensais.

 

Agradecementos

O alcalde de Frades, Roberto Rey, agradeceu a colaboración do voluntariado de Ordes e de Frades no desenvolvemento da festa, así como da Garda Civil, Ambulancias Nordés e todas as demais persoas, entidades e empresas colaboradoras nesta celebración. En especial, por suposto, destaca o labor da Comisión de Festas das Virtudes de Vitre, sen o cal non sería posible o éxito acadado ano tras ano.

 

Celebracións relixiosas

As celebracións relixiosas comezaron na capela das Virtudes a primeira hora da mañá. A principal misa solemne tivo lugar arredor das 13:00 horas e nela repetiuse a tradicional procesión da imaxe da Virxe polo campo da festa, percorrendo o camiño entre a capela e o cruceiro. A música é a outra parte da festa, con charangas, gaiteiros e orquestras, tanto na sesión vermú do mediodía como a verbena desta noite, que se agarda moi concorrida.