Versión en castellano
Inicio Novas O pleno solicítalle á Deputación unha prórroga para adxudicar as obras do Plan de Acción Social
O pleno solicítalle á Deputación unha prórroga para adxudicar as obras do Plan de Acción Social
Venres, 09 Setembro 2016 14:07

minuto_silencio_09092016O pleno de Frades aprobou a primeira hora desta tarde solicitarlle á Deputación da Coruña unha prórroga para a adxudicación dos proxectos incluídos no Plan de Acción Social (PAS) por parte do Concello. A ampliación do prazo, ofrecida pola propia administración provincial, é ata o 30 de xuño de 2017. A petición aprobouse cos votos a favor do goberno municipal (PP) e a abstención da oposición (BNG).

 

 

Tal como explicou o alcalde de Frades, Roberto Rey, durante a sesión plenaria, esta é unha petición á que numerosos Concellos se teñen que acoller por quedar sen tempo para a adxudicación dos proxectos no prazo contemplado inicialmente. A razón é que a Deputación, no caso do bloque de Concellos nos que estaba incluído Frades, non aprobou os proxectos do PAS ata ben entrado o verán. E a maiores, a entidade provincial obriga a seguir un sistema de contratación que prolonga o proceso cando menos dous meses.

 

O rexedor detallou os distintos proxectos e confirmou que o Concello xa obtivo desde hai meses a práctica totalidade dos permisos doutras administracións para acometer as obras. Rey precisou ademais que hai proxectos que estarán rematados antes do novo prazo solicitado, pero noutros casos as posibles consecuencias das condicións meteorolóxicas obrigan, por prudencia, a pedir a prórroga.

 

Os proxectos

O Plan de Acción Social, que se aprobara no pleno de decembro de 2015 cos votos a favor do PP e en contra do BNG, presenta un volume global de 265.421 euros, que se distribúen en catro proxectos. Un deles, cun investimento de 75.351 euros, dedícase ao acondicionamento dos accesos ás áreas recreativas das Virtudes (Vitre) e de Augasantas (Céltigos), ao lavadoiro de Fonte Santaia (Moar), ao local social de Céltigos desde Añá e desde Boado, ao local social de Aiazo, e ao local social de Galegos.

O segundo proxecto, de 83.902 euros, intervirá tamén nos locais sociais, con actuacións como o pintado interior e exterior, a instalación ou renovación de canlóns e baixantes, ou a mellora de cubertas. As melloras beneficiarán os locais sociais da Ponte Carreira, de Papucín, de Mesos, de Galegos, de Cima de Vila e de Abellá. Destaca tamén a instalación dunha cuberta no CPI da Ponte Carreira para que o alumnado poida acceder desde o centro escolar ao pavillón de deportes sen mollarse.

 

As ampliacións de abastecemento de auga conforman un terceiro proxecto do PAS, orzamentado en 70.544 euros. Este servizo básico chegará a novas vivendas e explotacións agrogandeiras nos lugares de Liñares (Aiazo), O Alto, Sibío e O Vilar (Gafoi), Alemparte (Céltigos), A Pista e Campo (Vitre), e A Chousa, Vista Alegre (Galegos), ademais do punto limpo situado nesta parroquia, que entrará en funcionamento en breve. Do mesmo xeito, vaise mellorar o abastecemento en Gasalla (Abellá), reparando a rede, acondicionando o depósito e poñendo ao día os equipos de bombeo e cloración.

 

Finalmente, o PAS recolle tamén un proxecto, valorado en 35.624 euros, para reparar e acondicionar dous ramais de acceso a Tarrío (Papucín) e o camiño que vai desde a estrada DP-3802 ata A Camposa de Batán (Aiazo).

 

Contratación das pontes afectadas polos temporais

Por outra parte, o alcalde de Frades anunciou na sesión de hoxe que a vindeira semana a Consellería do Medio Rural ten previsto contratar as obras de reparación de tres pontes afectadas polos temporais do pasado inverno no municipio. Son as pontes do Raselo, de Xeza e de Reboredo, nas que a Xunta investirá uns 120.000 euros. O investimento foi acordado a mediados do pasado mes de xuño nun entro entre Roberto Rey e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.

 

Na ponte de Xeza, está previsto repoñer as canalizacións de drenaxe, colocadas en pórtico, ademais de arranxar os muros da ponte e o firme. En Reboredo, a actuación consistirá en substituír a drenaxe da ponte e dos seus muros, máis repoñer o firme e as barreiras de seguridade. E na ponte do Raselo tamén se efectuarán as tarefas de acondicionamento e reparación necesarias para que a infraestrutura quede en perfectas condicións de uso.

 

Festivos locais para 2017

Na sesión plenaria de hoxe, que comezou gardando un minuto de silencio en lembranza das vítimas do accidente de tren no Porriño, acordáronse tamén os festivos locais para 2017. A proposta, validada por unanimidade, fixa as xornadas do 28 de febreiro, martes de entroido, e do 29 de setembro, venres, día de San Miguel.