Versión en castellano
Inicio Novas Medio Rural inicia a reconstrución de 3 pontes caídas en Frades nos temporais do inverno e que estarán rematadas nun mes
Medio Rural inicia a reconstrución de 3 pontes caídas en Frades nos temporais do inverno e que estarán rematadas nun mes
Venres, 23 Setembro 2016 15:08

PonteRaselo2webAs empresas Construcciones José Lagares SLU e Construcciones Grobas SL veñen de iniciar hoxe venres as obras de reposición de tres pontes caídas en Frades durante os fortes temporais do pasado mes de xaneiro: ponte de Xeza (Mesos), ponte Raselo (Gafoi) e ponte Reboredo (Galegos). Unhas obras orzamentadas en case 120.000 euros e que serán financiadas integramente pola Consellería do Medio Rural, a través do Plan Especial de Emerxencias 2016.


 

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, destaca que “agardamos que as obras estean rematadas no prazo aproximado dun mes, antes das chuvias e do aumento do caudal da auga”. Neste sentido, o alcalde fradense salienta que “despois de pedir financiación na Deputación da Coruña e non obter resposta, temos que agradecer o apoio da Consellería de Medio Rural para poder acometer unhas obras que o Concello, por si solo, non sería quen de levar a cabo”.

 

Características das obras

 

A reposición da ponte Raselo, na parroquia de Gafoi, está orzamentada en 59.754,52 euros e foi adxudicada por Medio Rural á empresa Construcciones Grobas SL. O mal estado no que quedou esta ponte tras os temporais do pasado inverno obrigan ao seu derrubo e substitución por unha nova ponte, que terá unhas maiores dimensións para mellorar a seguridade viaria dos vehículos que circulen por ela. Así, a nova ponte Raselo terá un ancho de 6 metros e unha altura de 4,5 metros, construída mediante caixóns prefabricados de formigón pretensado para reducir así a súa afección sobre o río Maruzo.

 

PonteXeza2webPola súa banda, Construcciones José Lagares SLU encargarase da reposición das outras dúas pontes, a ponte de Xeza, na parroquia de Mesos; e un pontón na pista de Reboredo a Os Carballos (Galegos). Un proxecto orzamentado en 59.940,38 euros. No caso da nova ponte en Xeza, sobre o rego de Maris, contémplase tamén a demolición da antiga ponte, que será substituída por unha nova de 8 metros de ancho con formigón armado mediante cimbra. Ademais, reporanse uns 40 metros desta estrada e colocarase unha varanda metálica de seguridade.

 

Finalmente, no pontón Reboredo, emprazado tamén sobre o Rego de Maris, substituirase a obra de drenaxe por un marco de formigón prefabricado de 10 metros de lonxitude con muros graníticos. Ademais, reporanse outros 40 metros de estrada con zahorra artificial e colocaranse 12 metros de baranda de seguridade.