Versión en castellano
Inicio Novas O Obradoiro de Emprego de Ordes e Frades amplía as oportunidades laborais de 20 persoas nas especialidades de albanelería e actividades auxiliares en viveiros e xardíns
O Obradoiro de Emprego de Ordes e Frades amplía as oportunidades laborais de 20 persoas nas especialidades de albanelería e actividades auxiliares en viveiros e xardíns
Luns, 23 Xaneiro 2017 00:00

ObradoiroOrdesFradeswebO delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá en Abellá (Frades) aos participantes no obradoiro de emprego Ordes-Frades, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración con ambos Concellos. No acto Rodeiro estivo acompañado polos alcaldes de Frades, Roberto Rey Martínez, e Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo.


O obradoiro de emprego de Ordes-Frades conta con 20 alumnos-traballadores e cinco profesionais que desenvolven a súa actividade como monitores, director e persoal administrativo. Todos eles son os encargados de desenvolver, ao longo de seis meses, o acondicionamento de diversas zonas dos dous municipios. Con este fin a Xunta achegou 179.134,20 euros.

 

Actuacións en Frades e Ordes

 

O alcalde de Frades salientou a importancia deste tipo de obradoiros pois “ademais de formar ao alumnado e capacitalo para a súa incorporación ao mundo laboral, tamén deixan feitas obras moi importantes e en beneficio da cidadanía de Frades, como é a restauración que os alumnos e alumnas de albanelería fixeron da escola unitaria do Cabezo (Abellá) ou as melloras en xardinería na piscina de Papucín ou nas áreas recreativas de Aiazo, da Presa-Ledoira ou na contorna do campo de fútbol de Vitre”.

 

Un punto no que incidiu o alcalde de Ordes, quen indicou que “ademais de ser unha oportunidade para o alumnado, queda pouco tempo e quedan importantes obras en Ordes por facer como as melloras nos locais sociais de Santa Cruz de Montao e Buscás, no parque infantil Pilar Martínez ou no paseo Ramiro Recouso”. Tanto Martínez Sanjurjo como Rey Martínez coincidiron en agradecer a colaboración da Xunta e de Ovidio Rodeiro na posta en marcha destas actuacións, nas que dúas persoas das que participaban no obradoiro deste ano xa atoparon un posto de traballo.

 

Programas mixtos

 

O obradoiro forma aos alumnos-traballadores nas especialidades de operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas, e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría. Rodeiro destacou estes programas mixtos de formación e emprego porque “aportan unha formación eminentemente práctica” ao tempo que son “unha oportunidade para as persoas que se atopan nunha situación de desemprego”. Con estes obradoiros a Xunta pretende ampliar as oportunidades laborais das persoas con dificultades para o acceso ao mercado de traballo. Ao remate do obradoiro tanto a experiencia formativa como a actividade laboral desenvolvida polos beneficiarios seranlles acreditadas cun certificado de profesionalidade, plenamente vixente e oficial.

 

O delegado territorial lembrou que na provincia se puxeron en marcha outros 23 obradoiros de emprego e oito de Garantía Xuvenil, para menores de 30 anos, sumando 600 alumnos beneficiados e un investimento de 5.328.130,7 euros. Rodeiro lembrou que, no conxunto da provincia, son un total de 72 concellos os que ao longo dos últimos meses desenvolveron ou están a desenvolver algunha destas iniciativas. Esta actuación forma parte da Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta do Goberno galego en materia laboral, e coa que se prevé crear 80.000 postos de traballo ata 2020.

 

Ovidio Rodeiro fixo especial incidencia na importancia da colaboración entre concellos para poñer en marcha estes obradoiros. “O entendemento entre os concellos de Ordes e Frades serve para potenciar as oportunidades que se lles ofrecen aos desempregados e multiplican o esforzo que neste sentido fai a Xunta de Galicia”, indicou o delegado territorial. Dentro da comarca de Santiago, Ames e Brión, pioneiros na organización de talleres conxuntos, forman a 95 persoas. Ademais do plan InserAmes-Brión, desde setembro está operativo RenovAmes, con 15 alumnos de ambos os concellos que se forman como instaladores de equipos de biomasa. Ao tempo, o plan Accede, con 20 contratos, deseña melloras na accesibilidade para varios espazos públicos.

 

O resto dos talleres financiados na área compostelá teñen en común unha matrícula de 20 alumnos por cada municipio beneficiario. O programa de Vedra e Boqueixón especializa ao persoal en tarefas de carpintería e xardinería. O proxecto do Pino e Touro aposta pola rama forestal. A comarca de Sar, co seu plan Terras de Iria e Melide, dedícase mellorar a contorna do río Furelos. A Baña, Santa Comba, Val do Dubra e Negreira tamén comparten un plan, que inclúe a formación para coidados a domicilio. A capital xalleira ten outro taller con Mazaricos e Dumbría vinculado á recuperación dun tramo do Camiño.