Versión en castellano
Inicio Novas O alcalde de Frades celebra o próximo inicio das obras de construción da senda peonil no núcleo de Vista Alegre (Galegos)
O alcalde de Frades celebra o próximo inicio das obras de construción da senda peonil no núcleo de Vista Alegre (Galegos)
Xoves, 02 Febreiro 2017 00:00

SendaGalegoswebO alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, celebra o próximo inicio das obras de construción da senda peonil na estrada DP-3802 Ordes-Ponte Carreira ao seu paso pola localidade de Vista Alegre, parroquia de Galegos. Un proxecto incluído no Plan de Travesías 2015 e adxudicado en decembro por algo máis de 90.000 euros á empresa Proyectos Zenale SL, que conta cun prazo de execución de seis meses.


Roberto Rey agradécelle ao Goberno da Deputación da Coruña “que respectara o compromiso adquirido polo anterior presidente, Diego Calvo, cuxo Goberno deixara aprobado este importante proxecto para os nosos veciños e veciñas na Comisión de Vías e Obras da Deputación que tivo lugar en maio de 2015”. Así mesmo, o alcalde de Frades lembra que aínda está pendente outro compromiso da Deputación Provincial: o arranxo das beirarrúas que unen o CPI Ponte Carreira con este núcleo de poboación, así como a mellora da seguridade viaria nos núcleos de Moar e de Aiazo.

 

Características das obras

 

A senda peonil de Galegos terá unha lonxitude de 975 metros e un ancho de 1,8 metros ao longo da estrada DP 3802, mellorando a seguridade viaria na zona de Vista Alegre. A senda estará construída con 12 centímetros de grixo, cinco de aglomerado en quente e microaglomerado superficial a toda a plataforma. Disporá dun bordo de formigón prefabricado no seu límite.

 

Antes da construción da senda, a empresa adxudicataria acometerá unha canalización de tubaxe de PVC de 315 milímetros de diámetro para a recollida de augas pluviais e a canalización dun tubo para iluminación pública. O proxecto inclúe a construción de 23 arquetas con sumidoiro e 3 pozos de rexistro. Finalmente, contémplase a reposición dunha marquesiña existente na zona, así como a reposición da sinalización viaria.