Versión en castellano
Inicio Novas Dous grupos locais, “O bosque encantado” e “Discovery Frades”, gañan o Concurso de Disfraces do Concello de Frades
Dous grupos locais, “O bosque encantado” e “Discovery Frades”, gañan o Concurso de Disfraces do Concello de Frades
Luns, 27 Febreiro 2017 00:00

MellorGrupoFrades2O pavillón polideportivo de Ponte Carreira quedou pequeno durante a Festa de Disfraces do Concello de Frades, na que centos de persoas chegadas tanto de toda a comarca ordense como de municipios próximos desfrutaron dun divertido e competido Concurso de Disfraces. Unha festa que se prolongou por máis de catro horas nas que as persoas participantes tiveron á súa disposición dous inchables, un photocall de Entroido e obradoiros de globoflexia e maquillaxe.


Ademais, os máis pequenos e pequenas desfrutaron coa presenza de Buddy (Toy Story) e o Pato Donald. Durante toda a xornada, o Concello de Frades convidou ás persoas presentes a flocos de millo, algodón de azucre e chocolate quente con bica, mentres que ao rematar o Concurso de Disfraces todas e todos os cativos levaron cadansúa bolsa de lambonadas para a casa. Unhas actividades organizadas coa colaboración da ANPA O Fopo, do CPI Ponte Carreira.

 

Gañadores

 

No que atinxe ao Concurso de Disfraces, a competición estivo este ano moi disputada polo gran nivel amosado polos participantes e que fixo que as votacións foran do máis apertadas. Os grandes gañadores da noite foron os integrantes da comparsa “O Bosque Encantado”, de Vitre (Frades), que levaron o premio de 300 euros ao mellor grupo adulto. O grupo local sorprendeu a todas as persoas presentes cuns impresionantes disfraces, recreando á perfección un bosque, e cunha coidada coreografía baixo os acordes de “Alegría”, do Circo do Sol. O segundo premio da categoría foi para “Rey León”, unha comparsa composta por veciños e veciñas de Ordes que viña de actuar dous días antes no programa “Luar” da TVG. Levaron un premio de 150 euros.

 

Na modalidade de individual adultos, o primeiro premio de 100 euros foi para “O Entroido das sete cabezas”, de Boimorto, que viña de vencer tamén un día antes no concurso de Oroso. O segundo premio foi para “Bender”, de Ordes, unha coidada reprodución do simpático personaxe da serie animada “Futurama”.

 

Na categoría infantil, o grupo gañador foi “Discovery Frades” (Galegos. Frades), que arrincou unha das grandes ovacións da tarde co divertido encontro duns astronautas e unhas marcianas baixo os acordes do “Hai un galego na lúa” de Zapato Veloz. O segundo premio foise a Ordes, coas “Barbie dance”, un grupo de seis rapazas que chegaron ao polideportivo empaquetadas nas súas respectivas caixas, antes de facer unha divertida coreografía musical. Levaron 100 e 50 euros, respectivamente. Finalmente, na modalidade individual infantil os premios foron para “A raíña do Entroido” (Arzúa) e “O pequeno cogomelo” (Moar. Frades), que levaron 60 e 30 euros, respectivamente.

 

Descualificación

 

Inicialmente, o primeiro premio especial ao mellor grupo de Frades (120 euros) recaeu en “A ghata ruín da Prada”, cuns disfraces moi elaborados a base de papel de xornais e que mesmo viñan de ser premiados tamén no concurso de disfraces orosán. Porén, o xurado decidiu hoxe revogar a súa decisión logo de comprobar que este grupo realizou a inscrición como pertencente á parroquia de Añá (Frades) pero, unha vez comprobado o padrón municipal, constatouse que ningún membro do dito grupo está empadroado nin vive en Frades, polo que se incumpre o apartado quinto das Bases do Concurso, que establece “primeiro premio especial dotado con 120 euros ao mellor disfrace individual ou grupal do concello, sempre que non resulte premiado noutra categoría”.

 

Feita a descualificación, o xurado outorgou o primeiro premio especial ao mellor grupo de Frades a “Piratas” (Papucín. Frades), que inicialmente quedara en segunda posición. Revisadas as votacións do xurado, o segundo premio especial será entregado a “Grease” (Ponte Carreira-Gafoi. Frades). Levarán 120 e 60 euros, respectivamente.

 

Os premios foron entregados polo alcalde de Frades, Roberto Rey; e polos concelleiros de Ensino, Manuel Ferreiro; Servizos Sociais, Ángeles Álvarez; Cultura, Miguel Prado; e Maiores, Jesús Sánchez.