Versión en castellano
Inicio Novas O Concello de Frades e a Asociación de Veciños Río Samo reclamarán compensacións a Telefónica por tres semanas sen servizo
O Concello de Frades e a Asociación de Veciños Río Samo reclamarán compensacións a Telefónica por tres semanas sen servizo
Mércores, 22 Febreiro 2017 00:00

O Concello de Frades e a Asociación de Veciños Río Samo (Galegos) reclamarán compensacións a Telefónica por ter sen servizo dende hai tres semanas a medio cento de veciños e veciñas das parroquias de Galegos e Moar. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que “falamos en varias ocasións coa directora rexional e asegúranos que están traballando e revisando as liñas, pero o certo é que dende o temporal non vimos a ninguén de Telefónica por Frades tratando de arranxar a situación. O último que nos dixeron foi que o problema é que se queimaran un quilómetro de liñas, pero a sensación que temos é que o están adiando e nós o que queremos é que se arranxe o problema canto antes”.


Cincuenta veciños e veciñas dos lugares de Reboredo e Vista Alegre (Galegos) e Vilarello de Abaixo e Vilarello de Arriba (Moar) permanecen sen servizo de telefonía fixa e Internet dende os temporais do pasado 2 de febreiro. “Hai explotacións agrogandeiras e empresas rurais que precisan utilizar Internet para os seus negocios e tamén hai moitos veciños e veciñas que non poden acceder a un servizo polo que están pagando, polo que tamén lle imos solicitar a Telefónica compensacións para as persoas afectadas”, explica Roberto Rey.

 

O alcalde de Frades entende que “nos tempos nos que estamos non é xustificable que cincuenta veciños e veciñas estean sen servizo de telefonía fixa e Internet durante tres semanas, polo que instamos a Telefónica a que arranxe os problemas canto antes, indemnice ás persoas afectadas e faga todo o posible para que situacións coma esta non se volvan producir”.