Versión en castellano
Inicio Novas O ordense David Santos Domínguez e a aresá Paula Mayobre González gañan a IV Carreira Pedestre de Frades
O ordense David Santos Domínguez e a aresá Paula Mayobre González gañan a IV Carreira Pedestre de Frades
Domingo, 14 Maio 2017 00:00

AbsolutaTodoswebOs atletas David Santos Domínguez (Verxel Nutrición Deportiva) e Paula Mayobre González (Club Atletismo Clínica Dental Seoane Pampín) foron os gañadores da cuarta edición da Carreira Pedestre do Concello de Frades, que congregou na tarde de onte sábado a 286 atletas e a varios centos de veciños e veciñas e persoas afeccionadas ao atletismo en Ponte Carreira (Frades). Unha carreira que estivo marcada polas malas condicións climatolóxicas, xa que choveu debilmente nas probas dos máis pequenos pero a intensidade das precipitacións foise incrementando segundo pasaba o tempo. Especialmente forte foi a tromba de auga que caeu durante a proba absoluta, que a endureceu moito para os atletas. Máis imaxes no noso Facebook.


De feito, o mal tempo propiciou que dos 372 corredores inscritos tan só 286 tomaran a saída. Despois de tres anos seguidos conseguindo subir ao podio, finalmente o ordense David Santos proclamouse por primeira vez gañador absoluto cun tempo de 26 minutos e 48 segundos en cubrir os 8,6 quilómetros da proba. Unha carreira que dominou en solitario dende os primeiros 500 metros e que lle permitiu sacar case dous minutos ao segundo clasificado a pesar de que na liña de meta se parou para bicar á súa parella e mesmo facer os últimos metros acompañado por varios nenos e baixo unha forte treboada.

 

O segundo posto foi para Amador Pena Torreira (Club Deportivo Vagalume Energía) cun tempo de 28 minutos e 38 segundos. Completou o podio Jacobo Gesto Lago (Marineda Atlético) cun tempo de 28 minutos e 43 segundos. Tamén recibiron premio en metálico Miguel Penedo Taboada (3&Run by Pedro Nimo) e Javier Campos Suárez (USC).

 

Categoría feminina

 

Na categoría feminina Paula Mayobre González, segunda en 2016, volveu subir ao máis alto do podio de Frades. A atleta de Ares chegou nun meritorio posto 14 da proba absoluta, cun tempo de 30 minutos e 42 segundos. Deste xeito, Mayobre suma tres vitorias na Carreira Pedestre de Frades.

 

A segunda praza foi Rocío Alvite Ferreiro (Atletismo Sar-Vermú Petroni), cuarta na pasada edición. Fixo un tempo de 31 minutos e 3 segundos, chegando no posto 17 da xeral. Completou o podio outra habitual desta carreira: Raquel Suárez Pedrosa (Ría de Ferrol), quinta clasificada en 2016 e que este ano foi terceira cun tempo de 31 minutos e 56 segundos. Tamén recibiron premio María Carmen Penas Blanco (Club Deportivo Vagalume Energía) e Aurea Retamal Muñiz (Club Atletismo Milladoiro), como cuarta e quinta clasificadas.

 

Ademais dos correspondentes trofeos, estes dez primeiros clasificados de ambas as categorías levaron uns premios en metálico de 300, 200, 100, 75 e 50 euros, respectivamente. O gañador da proba por equipos foi por segundo ano consecutivo o Club Atletismo Milladoiro, seguido polo Club Atletismo Sar Vermú Petroni e o Club Deportivo Vagalume Energía, que se repartiron uns premios de 200, 100 e 75 euros, respectivamente. O mellor club feminino foi o Club Atletismo Sar-Vermú Petroni, que levaron 150 euros.

 

Os premios foron entregados polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, quen estivo acompañado polos concelleiros de Deportes, Jesús Miguel Prado; Maiores, Jesús Francos; Medio Ambiente, Juan Carlos Portos; Servizos Sociais, Ángeles Álvarez; Infraestruturas, Ramón Garabato; e Xuventude, Óscar Botana. Roberto Rey agradeceu o bo traballo desempeñado pola Federación Galega de Atletismo e Emesports, así como a colaboración dos membros de Protección Civil de Ordes e Ambulancias Nordés, que permitiron que a proba se desenvolvera sen incidencias. Así mesmo, agradeceu a colaboración prestada pola Xunta de Galicia, que repartiu leite galego a través da campaña Galega 100%, e polos patrocinadores da proba: Deputación da Coruña, Pepsico, Feiraco, Erimsa, Infantilandia, Cooperativa Central de Frades, Camba SL, Froitería A Nova, Bar Vilariño, Centro de Fisioterapia e Rehabilitación Jessica Gómez, Supermercados Claudio (María Vázquez Pardo), Correrengalicia e Carreirasgalegas.

 

Roberto Rey, Jesús Miguel Prado e Ángeles Álvarez fixeron entrega de medallas e lambonadas a todos os participantes nas probas escolares. Todos os atletas levaron unha camiseta de agasallo e desfrutaron dun avituallamento en meta a base de auga, bebidas enerxéticas, leite e froita, cortesía dos patrocinadores da proba, así como chocolate quente, moi agradecido nunha tarde fría e chuviosa como a de onte. Ademais dos tradicionais servizos de ducha e roupeiro, os participantes que o precisaron puideron gozar tamén dun servizo de fisioterapia totalmente de balde.