Versión en castellano
Inicio Novas O Concello de Frades convoca as axudas para transporte e material escolar
O Concello de Frades convoca as axudas para transporte e material escolar
Mércores, 31 Maio 2017 00:00

O Concello de Frades convoca as axudas para transporte escolar e para a compra de material escolar para o curso académico 2016-2017 dirixidas ás familias máis necesitadas do municipio, que terán ata o vindeiro 21 de xuño para presentar as súas correspondentes solicitudes. A subvención para transporte escolar está dirixida a alumnos e alumnas de Bacharelato ou de Formación Profesional (Grao Medio) e terá unha contía de 150 euros; mentres que as axudas para a compra de material escolar están dirixidas a alumnos e alumnas de Primaria e Secundaria e ascenderán a 70 euros por alumno/a e curso.

 

En ambos os casos, para poder optar a estas axudas é preciso que o estudante estea empadroado no Concello de Frades, que a persoa estea cursando os estudos para os que solicita a axuda e que a súa familia estea ao día no pago das obrigas tributarias co Concello e non teña pendente de xustificación ningunha subvención anterior.

 

Para presentar as solicitudes, as familias deberán dirixirse aos Servizos Sociais Municipais e achegar a seguinte documentación: copia do DNI do alumno ou alumna e de todos os membros da unidade familiar, resgardo da matrícula do centro no que está a realizar o curso escolar deste ano e xustificante dos ingresos da unidade familiar en 2015 (declaración da renda, nóminas, pensións, certificado de ser demandante de emprego etc). Así mesmo, poderanse presentar certificados acreditativos da situación de familia monoparental ou do grao de discapacidade dalgún membro da unidade familiar, se fose o caso.

 

O prazo de presentación de solicitudes remata o 21 de xuño e as subvencións unicamente serán concedidas ás familias cos ingresos per cápita máis baixos. Para máis información, as persoas solicitantes poden dirixirse aos Servizos Sociais Municipais ou chamar ao teléfono 981 695 567.