Versión en castellano
Inicio Novas O Concello de Frades informa á veciñanza sobre as normas e os permisos para facer as cacharelas de San Xoán e San Pedro
O Concello de Frades informa á veciñanza sobre as normas e os permisos para facer as cacharelas de San Xoán e San Pedro
Venres, 16 Xuño 2017 00:00

O Concello de Frades vén de informar á veciñanza das normas e permisos necesarios para a realización de cacharelas nas noites de San Xoán e San Pedro. Unhas cacharelas cuxa celebración terá que ser comunicada previamente ao Concello (981 695 5 67) e aquelas que se realicen en prazas, parques ou área recreativas deberán contar cunha autorización municipal previa, que se pode solicitar antes do martes 20 de xuño.


O Concello de Frades informa que, unha vez conseguida a autorización, os organizadores deberán ter en conta varias normas de seguridade. Así, no caso de que a cacharela se emprace sobre unha beirarrúa ou vía pública, deberá protexerse o pavimento cunha capa de area. O Concello de Frades facilitará aos veciños e veciñas que o desexen un vale para poder recoller esa area en Erimsa.

 

As cacharelas deberán observar as normas básicas de seguridade tanto no que se refire ao seu volume como á súa separación de edificios, árbores e tendidos eléctricos ou telefónicos. Ademais, non se poderá queimar plásticos, PVC, caucho, rodas ou materiais que poidan estalar, como os sprays. Tamén será preciso que a organización dispoña de material de extinción (extintores, mangueiras...) e que comprobe ao rematar a festa que as cinzas da cacharela queden totalmente apagadas, procedendo á retirada dos restos na maior brevidade posible.

 

No caso de facer caso omiso a estas normas básicas, os organizadores serán os responsables dos danos que se puidesen producir nos bens públicos e deberán aboar os gastos de reconstrución e reparación que sexan precisos.