Versión en castellano
Inicio Novas O Concello de Frades inaugura a súa piscina infantil, na que investiu máis de 40.000 € e contou cunha achega de 26.000 € da Xunta
O Concello de Frades inaugura a súa piscina infantil, na que investiu máis de 40.000 € e contou cunha achega de 26.000 € da Xunta
Sábado, 24 Xuño 2017 00:00

PiscinaInfantilPapucinwebO alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, inauguraron a piscina infantil de Frades, emprazada a carón da piscina municipal de Papucín, que esta tarde abriu as súas portas ao público para a temporada de verán. Unha inauguración na que estiveron acompañados polos concelleiros de Deportes, Miguel Prado; Ensino, Manuel Marzoa; Medio Ambiente, Juan Carlos Portos; e Obras, Ramón Garabato. Máis fotos no noso Facebook.


Roberto Rey e Ovidio Rodeiro percorreron as instalacións da piscina municipal de Papucín, que durante esta pasada primavera foron sometidas a unha profunda mellora por parte do Concello de Frades, que construíu unha piscina infantil e habilitou unha nova zona de paseo, ampliando así a superficie útil do lugar. Rey Martínez agradeceulle a Rodeiro a colaboración da Xunta pois “cunha pequena achega por parte da Xunta de Galicia puxemos poñer en marcha unha infraestrutura moi demandada pola nosa veciñanza e que estamos seguros que dará un gran servizo ás familias de Frades”. E é que ata o de agora, os máis pequenos só podían desfrutar dunha piscina portátil adaptada á súa idade algúns días especiais do verán como a Festa do Neno ou o Día da Auga.

 

Neste sentido, Ovidio Rodeiro sinalou que “o Goberno galego decidiu apoiar economicamente aquelas actuacións cuxo obxectivo sexa mellorar as infraestruturas e equipamentos de uso público e, por tanto, dos servizos municipais que os concellos prestan aos seus veciños e veciñas”.

 

Piscina infantil

 

A piscina infantil supuxo un investimento de máis de 40.000 euros, dos que 26.446 euros correspóndense cunha achega da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ao abeiro do programa de axudas á creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de Servizos Municipais convocadas pola Xunta e cofinanciadas con Fondos FEADER no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

 

As obras consistiron na construción dunha piscina cunha profundidade máxima de 0,6 metros, pegada á de 25 metros que xa vén funcionando desde hai algúns anos. Tamén se aproveitou para renovar o peche do perímetro da instalación, para habilitar un novo acceso á nova piscina (independente da piscina principal) e mellorouse o sistema de clorado e potabilización. A maiores, o Concello de Frades habilitou unha nova zona de paseo preto do río e acondicionou a zona de aparcamento da piscina municipal de Papucín.

 

Novo horario

 

A piscina municipal de Papucín abrirá de 15:30 a 20:30 horas, de luns a venres; e de 13:30 a 20:30 horas os sábados e domingos, é dicir, dúas horas máis co ano pasado. A entrada ás instalacións seguirá sendo totalmente libre e de balde.

 

Paralelamente, o Concello de Frades ofrece os tradicionais Cursos de Natación, que terán lugar do 10 de xullo ao 25 de agosto na piscina municipal. Haberá clases 3 días por semana, en horario de 14:30 a 16:00 horas. Organizaranse dous grupos: nenos/as maiores de 4 anos (15 euros persoas empadroadas) e adultos (25 euros). As persoas non empadroadas aboarán 10 euros máis en cada caso. Máis información e inscricións no Concello de Frades (981 695 567 ou  981 695 663). A data límite para anotarse é o martes 4 de xullo.