Versión en castellano
Inicio Novas O alumnado do CPI Ponte Carreira presenta á veciñanza de Frades os beneficios da agricultura ecolóxica e a súa horta escolar
O alumnado do CPI Ponte Carreira presenta á veciñanza de Frades os beneficios da agricultura ecolóxica e a súa horta escolar
Mércores, 28 Xuño 2017 00:00

HortaEcoloxicaFrades4webO alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e o concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, participaron na xornada de portas abertas do CPI Ponte Carreira, na que o alumnado de secundaria presentou a máis de medio cento de veciños e veciñas de Frades os resultados dos traballos realizados durante todo o curso escolar dentro do proxecto “Hábitos de consumo saudables”. Un proxecto que incluíu a creación dun composteiro para a reciclaxe dos residuos orgánicos do comedor escolar e a posta en marcha dunha horta ecolóxica con 23 especies no propio centro escolar.


A directora do CPI Ponte Carreira, María Josefa Villar López, explica que “en setembro de 2016, un grupo de profesorado e todo o alumnado de secundaria, concienciados de mellorar os nosos hábitos de consumo, tomar conciencia da pegada medioambiental individual e colectiva, así como de introducir un cambio metodolóxico que fose atractivo para todos e todas decidimos traballar a través dunha ABP (aprendizaxe baseada en proxectos) e arredor deste proxecto fixemos actividades moi diversas: vídeos, carteis, documentación... que hoxe lle presentamos á veciñanza de Frades”.

 

Presentación

 

Durante preto de dúas horas, os veciños e veciñas foron percorrendo os corredores e as aulas do edificio de secundaria do CPI Ponte Carreira, onde alumnos e alumnas dos distintos cursos de secundaria lles foron presentando os resultados do traballo realizado ao longo do curso e nas distintas materias. Así, o alumnado de matemáticas aplicou o aprendido para escoller o emprazamento e o ángulo de colocación do composteiro e da horta, para que foran máis eficaces. Pola súa banda, o alumnado de educación física aproveitou para facer sendeirismo rural polas parroquias de Añá e Papucín, aproveitando a presenza do alcalde para recomendar melloras nun dos camiños.

 

Os alumnos e alumnas tamén fixeron fincapé na necesidade de coidar o noso medio natural, de apostar pola modalidade da agricultura ecolóxica e polo rural como lugar de traballo para a xente nova. O alumnado puxo como exemplo o traballo realizado no CPI Ponte Carreira para que os presentes se decataran de que é posible cultivar en Frades sen ningún tipo de agroquímico, de como se poden combater os insectos empregando outros insectos, cales son as mellores posturas para traballar no campo ou como facer un composteiro na casa.