Versión en castellano
Inicio Novas Preto de 600 veciños e veciñas participaron na festa do Día do/a Neno/a de Frades, con inchables, tren turístico, xogos, rock e festa da escuma
Preto de 600 veciños e veciñas participaron na festa do Día do/a Neno/a de Frades, con inchables, tren turístico, xogos, rock e festa da escuma
Luns, 10 Xullo 2017 00:00

FestaNenoEscumawebPreto de seiscentos veciños e veciñas participaron no Día do/a Neno/a, organizado polo Concello de Frades e que tivo lugar na piscina municipal de Papucín na tarde do sábado. O tempo acompañou durante toda a tarde, o que animou a moitas familias a achegárense ata a piscina municipal. Máis fotos no noso Facebook.


A calor fixo que os inchables acuáticos e, sobre todo, a recentemente estreada piscina infantil, foran as actividades máis demandadas. Co paso do tempo, e coincidindo coa “retirada obrigada” dos nenos e nenas da auga, tamén foron gañando en usuarios os inchables en terra, sobre todo unha divertida versión do touro mecánico para os máis pequenos, así como os divertidos xogos populares de “Obradoiro de xogos”, dispostos a carón da cafetería da piscina e que foron realizados tanto por pequenos e pequenas coma por maiores.

 

Por outra banda, o tren turístico volveu ser un ano máis outra das atraccións máis demandadas e non deixou de dar voltas polo municipio cheo de veciños e veciñas en ningún momento. Ás 18:00 horas, o músico Paco Cerdeira presentou o seu espectáculo “As parábolas de Pakolas”, divertidas historias de animais interpretadas a ritmo de rock, que foron moi aplaudidas e bailadas polos nenos e nenas presentes.

 

Ao rematar a actuación, todos repuxeron forzas cunha merenda e unhas lambonadas cortesía do Concello de Frades, momento que moitos aproveitaron para achegarse polo stand da campaña “Galicia recicla”, posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e que concienciou aos pequenos e pequenas sobre a importancia da reciclaxe. A festa pechouse preto das oito da tarde coa tradicional Festa da Escuma, que este ano estreou emprazamento xa que adoitaba facerse no lugar onde agora está a piscina de chapuzar.