Versión en castellano
Inicio Novas O Concello de Frades organiza a terceira edición das súas Xornadas Micolóxicas, que terán lugar o sábado 4 de novembro
O Concello de Frades organiza a terceira edición das súas Xornadas Micolóxicas, que terán lugar o sábado 4 de novembro
Luns, 23 Outubro 2017 00:00

micoloxia2017webO Concello de Frades organiza a terceira edición das súas Xornadas Micolóxicas, que terán lugar o sábado 4 de novembro. Unhas xornadas abertas a todos os públicos, se ben os veciños e veciñas empadroados en Frades terán prezos especiais: 18 euros persoas adultas e 5 euros menores de 12 anos, fronte aos 25 euros persoas adultas e 10 euros menores non empadroadas.


A novidade deste ano é a posibilidade de participar nas Xornadas sen ter que asistir ao xantar. Neste caso, os prezos serán de 10 euros para persoas empadroadas e 15 euros para as non empadroadas. En ambos os casos, as inscricións deberán realizarse no Concello de Frades ou no teléfono 981 695 567.

 

As III Xornadas Micolóxicas comezarán ás 9:00 horas do sábado 4 de novembro cunha charla de introdución á micoloxía a cargo de Martín Souto, biólogo da USC, que lles ensinará ás persoas presentes as diferenzas entre comestibles e tóxicos. Tras un pequeno refrixerio, os participantes sairán a un monte próximo a recoller cogomelos. Ás 14:30 horas terá lugar un xantar-degustación de cogomelos nun restaurante do municipio e pola tarde, ás 17:00 horas, o local social de Ponte Carreira acollerá unha sesión de identificación e exposición dos cogomelos apañados durante a mañá.

 

O número de prazas é limitado, tendo preferencia as persoas empadroadas no Concello de Frades. Para levar a cabo a actividade será preciso xuntar un mínimo de 15 participantes e os menores de idade deberán ir acompañados por unha persoa adulta.