Versión en castellano
Inicio Novas Os gandeiros e gandeiras de Frades, os máis premiados nos premios Exceleite á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria das explotacións leiteiras
Os gandeiros e gandeiras de Frades, os máis premiados nos premios Exceleite á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria das explotacións leiteiras
Venres, 10 Novembro 2017 00:00

PremiadosFradeswebOs gandeiros e gandeiras de Frades foron os máis premiados nos premios Exceleite á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria das explotacións leiteiras, promovidos pola Xunta de Galicia en colaboración co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) e que foron entregados hoxe nun acto que tivo lugar no pazo de Cores (A Baña). De entre as 5.000 granxas galegas que podían optar a estes premios, seleccionáronse con criterios técnicos un total de 50 finalistas, das que 5 son de Frades. Ademais, dos 20 recoñecementos entregados, 3 recaeron en gandeiras e gandeiros fradenses, sendo o municipio máis galardoado de toda Galicia, seguido por Friol e Silleda, con dous galardóns.

 

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e o concelleiro de Medio Rural, Manuel Ferreiro Marzoa, acompañaron aos cinco gandeiros e gandeiras do municipio distinguidos hoxe. Os tres premiados encádranse nas categorías de explotacións intensivas nas súas tres modalidades: grande, mediana e pequena. Así a Gandería Novoa SC, da parroquia de San Martiño de Frades, alzouse co primeiro premio á explotación grande intensiva. Carmen Pérez Botana, da parroquia de Papucín, levou o segundo premio á explotación mediana intensiva e Concepción García Pereira, da parroquia de Añá, gañou o segundo premio á explotación pequena intensiva.

 

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, presidiu o acto de entrega dos galardóns Exceleite, que premian o labor das 20 mellores explotacións leiteiras galegas no ámbito hixiénico-sanitario. Estes novos premios, promovidos pola Xunta en colaboración co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), representan segundo a conselleira un “recoñecemento ao bo facer dos nosos gandeiros e gandeiras, que se erguen todos os días coa firme convicción da procura da excelencia na produción do seu leite”. Por iso, engadiu, “son un exemplo a seguir, para darnos conta de que desde o noso agro podemos xerar produtos non só de calidade, senón tamén dunhas características organolépticas inigualables”.

 

A titular de Medio Rural fixo unha mención especial aos profesionais do Ligal e aos veterinarios e persoal técnico da consellería, que traballaron na selección das granxas galardoadas. O seu traballo, sinalou, “é fundamental para deixar de pensar na excelencia como unha característica afastada que os gandeiros pretendían acadar para pasar a ser unha realidade palpable e comprobable”.

 

Por último e de cara ao futuro, a conselleira apostou por “seguir mellorando no marco do diálogo e a cooperación entre produtores e industria, coa axuda da administración autonómica”. Só así, rematou, “conseguimos e conseguiremos facer do lácteo un sector sustentable e atractivo de cara á incorporación de persoas novas”.