Versión en castellano
Inicio Novas Sete locais participan esta fin de semana na cuarta edición Concurso de Tapas de Frades
Sete locais participan esta fin de semana na cuarta edición Concurso de Tapas de Frades
Xoves, 07 Decembro 2017 15:51

cartelconcurso frades2017webA cuarta edición do concurso de tapas do Concello de Frades, que terá lugar este sábado 9 e domingo 10 de decembro, contará coa participación de sete locais hostaleiros: Raxería Alba, café-bar O noso mesón, Adega A Coviña, Bar Vilariño e Taberna O Mesón (Ponte Carreira), hostal-restaurante O Cadaval (Ledoira) e Casa Vella (Abellá). Durante esa fin de semana, estes locais ofrecerán de xeito gratuíto aos seus clientes unha tapa con cada consumición.


As tapas a concurso este ano son: Langostinos rebozados en froitos secos con salsa rosa; Filloa rechea; Gulas con zamburiñas, ameixas e gambas con crema de ourizo de mar; Chourizo afumado ao forno; Saquiños recheos; Pastel de centolo; Empanada de zamburiñas; Secreto de porco celta, castañas de revolta con salsa do chef; e Solombo con queixo de cabra, pementos piquillo e cebola caramelizada. Os horarios para degustar as tapas cambian con respecto ao ano anterior: serán de 12:30 a 15:00 horas e de 20:00 a 22:30 horas (sábado 9) e de 12:30 a 15:00 horas (domingo 10). Durante a mañá do domingo, o grupo de gaitas Sarillo percorrerá os distintos locais participantes.

 

Premios

 

Con cada consumición, o cliente recibirá un pasaporte de votación, que deberá selar en cando menos 4 dos locais para que o seu voto sexa considerado válido. Os clientes que tomen parte nesta cuarta edición do concurso de tapas de Frades, que deberán ser maiores de 16 anos, participarán no sorteo de dous premios: unha cea para dúas persoas nun restaurante do municipio e un circuíto termal para dúas persoas. Os gañadores serán informados por teléfono. Pola súa banda, os locais participantes competirán por un primeiro premio de 300 euros e placa conmemorativa; así como por un segundo premio de 150 euros e placa conmemorativa.

 

Adega A Coviña foi o gañador da última edición celebrada, recollendo o testigo de Raxería Al Alba, gañador das dúas primeiras edicións e que o ano pasado non participou por ter o local con reformas. O Bar Vilariño copou o segundo posto nas tres edicións celebradas. Durante estas tres edicións degustouse unha media de 1.500 tapas.