Versión en castellano
Inicio Novas Unhas catrocentas persoas participaron na quinta Cabalgata e Festival de Reis do Concello de Frades
Unhas catrocentas persoas participaron na quinta Cabalgata e Festival de Reis do Concello de Frades
Xoves, 04 Xaneiro 2018 00:00

ReisMagosFrades2018webA ilusión foi a gran protagonista esta tarde en Frades, na que os nenos e nenas celebraban ser os primeiros das comarcas de Ordes e Santiago en desfrutar da Cabalgata e do Festival de Reis. E iso que as Súas Maxestades chegaron con algo de atraso, polo que a cabalgata polas rúas de Ponte Carreira tivo que facerse baixo un continuo orballo, que os acompañou no seu periplo ata o polideportivo municipal.


As Súas Maxestades chegaron a Frades na parte traseira de tres furgonetas, acompañados polos músicos de Embruxo Gaiteiros (que substituíron a última hora aos músicos da asociación folclórica Sarillo de Aiazo, ausentes por motivos familiares graves), así como por tres personaxes moi queridos para os pequenos e pequenas: Mickey Mouse, Minnie Mouse e Chase, da Patrulla Canina. Os Reis Magos repartiron caramelos, saudaron aos pequenos e pequenas e desprazáronse con eles e elas ata o polideportivo, onde agardaba o maior número de veciños e veciñas.

 

Os Reis Magos foron recibidos polo alcalde de Frades, Roberto Rey, quen aproveitou para agradecer a colaboración da ANPA do CPI Ponte Carreira na organización “dun día máxico e de festa para todos os nenos e nenas de Frades”. A pesar da presenza no pavillón de dous inchables, xogos de animación e distintos obradoiros, a atención dos pequenos e pequenas focalizouse en torno ao palco onde Melchor, Gaspar e Baltasar os foron recibindo. Despois de recordarlles as súas peticións e de recoller cadansúa bolsa de lambonadas, foi cando os pequenos e pequenas comezaron a xogar nos distintos inchables e obradoiros. A festa rematou cunha degustación de chocolate e roscón de Reis para todas as persoas presentes.