Versión en castellano
Inicio Novas O Concello de Frades entrega os premios da cuarta edición do Concurso de Tapas, gañado polo Bar Vilariño cos seus “Saquiños recheos”
O Concello de Frades entrega os premios da cuarta edición do Concurso de Tapas, gañado polo Bar Vilariño cos seus “Saquiños recheos”
Venres, 12 Xaneiro 2018 00:00

TapasVilarinoGanadorwebO alcalde do Concello de Frades, Roberto Rey, e o concelleiro de Medio Ambiente, Juan Carlos Portos, entregaron esta mañá os premios da cuarta edición do Concurso de Tapas do Concello de Frades, que tivo lugar a fin de semana do sábado 9 e domingo 10 de decembro en sete locais hostaleiros do municipio. Rey Martínez e Portos Bra desprazáronse ata Ponte Carreira para entregarlle o premio de 300 euros e unha placa conmemorativa a Xulio Espiñeira Vilariño, do Bar Vilariño, como gañador do certame grazas aos seus “Saquiños recheos”.


 

Acto seguido, alcalde e concelleiro cruzaron a rúa para entregar o segundo premio a Chelo Castro Méndez e Lino Espiñeira Calvo, de Adega A Coviña, gañadores do ano pasado e segundos este ano coa súa “Filloa rechea”. Un premio de 150 euros e unha placa conmemorativa.

 

Roberto Rey amosouse moi satisfeito co desenvolvemento deste concurso xa que “a promoción de Frades é unha das prioridades deste equipo de Goberno e este tipo de concursos son un modo moi interesante para darnos a coñecer, pois durante eses días son centos de persoas as que nos visitan para degustar as propostas do noso sector hostaleiro”. Por iso, o alcalde agradeceu o traballo realizado polos sete locais participantes: Raxería Alba, café-bar O noso mesón, Adega A Coviña, Bar Vilariño e Taberna O Mesón (Ponte Carreira), hostal-restaurante O Cadaval (Ledoira) e Casa Vella (Abellá).