Versión en castellano
Inicio O Concello Economía
Economía PDF Imprimir Correo-e

A gandaría foi desde sempre o motor económico deste concello. Actualmente conta con 325 explotacións de gando bovino orientadas, fundamentalmente, á produción láctea.

Frades é un concello punteiro en todo o que se refire ao sector lácteo, tanto en sistemas de explotación como de mecanización, cooperación e medidas ambientais. Este sector, debido á súa importancia económica, atópase sometido a un continuo labor de modernización e mellora mediante campañas de saneamento de gando, modernización das instalacións, a introdución da raza frisoa, de elevada produción láctea, etc.

Recentemente culminouse con éxito a concentración parcelaria, vital para o seu desenvolvemento. Na actualidade, é un dos poucos municipios en Galicia nos que o 100% dos terreos están redistribuídos e entregados para a súa explotación.

O sector téxtil, aínda hoxe en desenvolvemento, dá emprego sobre todo ao colectivo feminino. Calcúlase que ao redor de 200 mulleres viven do téxtil.
A industria da construción emprega boa parte da poboación activa.

Gandaría

GanaderíaEste concello conta cun gran número de propietarios –cada vez máis novos– e de explotacións, sendo a tendencia predominante a explotación intensiva. O solo produtivo compleméntase coa produción forestal. As especies predominantes son as coníferas e, en menor medida, o eucalipto e as caducifolias (carballos, bidueiros, etc.).

Frades é un concello punteiro e pioneiro na concentración parcelaria, rematada ao 100% en todas as súas parroquias. Conta cun total de 34 millóns de kg de cota leiteira. Ten 444 estabulacións, con 9.527 reprodutoras e 5.966 xovencas. Mesos é a parroquia que estatisticamente posúe un maior número de cabezas por estabulación.

A tarefa de concentración parcelaria levada a cabo en todas as parroquias conseguiu unha maior rendibilidade nas explotacións agrarias. Isto tamén se viu favorecido polas condicións topográficas, que favorecen estas medidas, xa que a característica do territorio son as pendentes suaves. En canto ao uso do solo, o municipio está especializado en pastos e cultivos forraxeiros. Destaca a existencia dunha cooperativa agraria para a elaboración de pensos.

Industria

Industria en FradesExplotación de Rocas Industriales y Minerales, S.A. (Erimsa) ten unha planta de lavado e clasificación de gravas cuarcíferas do terciario, no lugar chamado Cruceiro. Cun cadro de persoal de 30 traballadores directos e 20 indirectos, esta empresa mineira fai labores de arranque, transporte, clasificación e lavado do mineral.

A súa produción anual é a seguinte:

  • Cuarzo metalúrxico: 80.000 t
  • Áridos: 180.000 t
  • Tortas de arxila: 60.000 t

O cuarzo metalúrxico expórtase a Noruega. É a base do aceiro e do aluminio; tamén serve para fabricar os chips dos ordenadores e obter siliconas, entre outros produtos. Os áridos, especialmente as areas, comercialízanse para toda a provincia; son moi estimados pola súa calidade para a construción. As tortas de arxila obtéñense do tratamento dos lodos producidos no lavado por un proceso de decantación, e subminístranselles ás cerámicas da zona.

Sector téxtil

Téxtil en FradesO sector téxtil está a experimentar un gran desenvolvemento no concello, proporcionándolles postos de traballo principalmente ás mulleres desta zona. Destacan Rosa de Neira, S.L.; Cooperativa de Confección de Ponte Carreira, e Confeccións Vivela, entre outras. A empresa Rosa de Neira, S.L., instalada na localidade de Ponte Carreira, foi fundada no ano 1988, sendo o seu primeiro cliente o grupo Inditex.

As devanditas empresas dedícanse a confeccionar pezas téxtiles de todo tipo. Son empresas en progresión, que esperan acadar unha maior cota de mercado nos próximos anos. En concreto, Rosa de Neira, S.L. está homologada pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para impartir formación ocupacional (curso de maquinista de confección). O reto destas empresas é marcar un estilo e identidade propios, sendo un referente para a xente que vista a súa roupa.

Explotacións forestais

Explotacións forestais O clima e un territorio con suaves pendentes e pequenos vales fan de Frades un lugar apropiado para o desenvolvemento dos cultivos forestais. Arredor da cuarta parte da súa superficie está dedicada á produción forestal, centrada principalmente en especies de crecemento rápido como o piñeiro e o eucalipto, pero tamén coa presenza de frondosas. Este sector é un dos motores económicos, existindo ata 16 industrias forestais instaladas no municipio, dedicadas principalmente ao comercio de rolla e puntal de piñeiro e eucalipto. Existe ademais un viveiro, Viveiro Argoat, que comercializa diferentes especies arbóreas (piñeiro, carballo americano, castaño, pradairo, etc.), tanto en envase como en raíz núa.