Versión en castellano
Inicio Novas Entra en vigor o primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal de Frades, tras a súa publicación hoxe no BOP da Coruña
Entra en vigor o primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal de Frades, tras a súa publicación hoxe no BOP da Coruña
Xoves, 22 Marzo 2018 19:42

PXOMFrades2018webO Concello de Frades celebra a publicación hoxe no Boletín Oficial da Provincia do anuncio da aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal e o seu contido normativo. Trátase do último trámite administrativo que lle faltaba ao PXOM fradense para entrar en vigor, logo da súa aprobación pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio o pasado 9 de xaneiro de 2018.


O alcalde de Frades, Roberto Rey, sinala que “hoxe é un día importante para Frades pois entra en vigor o noso primeiro Plan Xeral, no que levamos case oito anos traballando e que espero que sexa moi bo para este municipio e permita un maior dinamismo nos nosos sectores produtivos e un crecemento continuado nos próximos anos, pois hai moitas persoas que levan tempo agardando por el para poder edificar e vivir aquí, e non ter que marchar a outros municipios”. Unha espera que se prolongou dous meses máis debido a atrasos no rexistro do Plan Xeral no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

 

“O Plan Xeral non estaba en vigor porque faltaba a publicación de hoxe no BOP, que se atrasou porque non estaba inscrito no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia”, explica o alcalde de Frades, quen sinala que “neste último mes estivermos en contacto coa Dirección Xeral de Urbanismo para que rexistraran canto antes o PXOM, lle deran un número de rexistro e poder así publicalo e que entre en vigor”. Un rexistro que tivo lugar o pasado 13 de marzo, polo que o PXOM de Frades está contemplado co número RPG/00017/2018.

 

Finalmente, Roberto Rey lembra que, aínda que longa, “a tramitación deste primeiro plan xeral de Frades foi transparente dende o primeiro momento porque participamos todas as forzas políticas e é o froito dun traballo en equipo de todos e todas, concelleiros e concelleiras, persoal municipal e equipo redactor”.

 

O primeiro PXOM na historia de Frades cualifica o 95,85% do termo municipal como solo rústico de especial protección, nunha clara aposta pola preservación natural e paisaxística do concello. Preto do 3,8% está cualificado núcleo rural, o 0,22% como solo urbanizable e o 0,13%, restante como urbano.