Versión en castellano
Inicio Novas Ovidio Rodeiro compartiu a XXI Festa dos Maiores con 550 veciños/as de Frades
Ovidio Rodeiro compartiu a XXI Festa dos Maiores con 550 veciños/as de Frades
Sábado, 26 Maio 2018 00:00

ovidiomaiores2018O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou hoxe na XXI Festa dos Nosos Maiores, celebrada na carballeira de San Nicolao, en Frades, á que acudiu convidado polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez. Trátase dunha festa á que estaban convidados todos os veciños de máis de 60 anos empadroados en Frades e as súas parellas. No encontro festivo participaron arredor de 550 veciños.


O programa de actividades para a XXI Festa dos Nosos Maiores comezou cunha misa ao rematar deu paso a actuación do dúo Eva a Camilo. O xantar foi servido nunha gran carpa habilitada para a ocasión. Na sobremesa, a música correu a cargo dos grupos folclóricos Sarillo de Aiazo, e Pinga de Troula, de Galegos, así como o xa mencionado dúo. Paralelamente, na Carballeira de San Nicolao celebráronse xogos populares. A xornada rematou coa tradicional homenaxe do Concello de Frades ás persoas maiores de 90 anos presentes na festa coa entrega dun obsequio. Tanto o xantar como as distintas actividades eran totalmente de balde, xa que é o propio Concello o que desde hai xa 20 anos vén organizado esta xornada a modo de homenaxe ás persoas maiores. Mesmo houbo servizo de autobús para aqueles que non puideron dispor de transporte particular.

 

O delegado territorial da Xunta destacou na súa intervención “a importancia dos nosos maiores como un dos piares da nosa sociedade” e destacou que “actos coma este serven para agradecer o enorme traballo que facedes a diario e para poñer en valor o papel que xogades nas vosas familias”. Neste senso, apuntou que “dende a Xunta de Galicia estamos facendo un importante esforzo para apoiarvos e para ofrecervos actividades, programas e axudas para mellorar a vosa calidade de vida”.

 

Ovidio Rodeiro apuntou que “un dos obxectivos principais do goberno galego é seguir apostando polos nosos maiores e garantir que todos tedes as vosas necesidades cubertas e traballar para que Galicia sexa unha terra onde os nosos maiores participen na sociedade e teñan unha vida independente, activa e segura”.