Versión en castellano
Inicio Novas Os infantís das Escolas Deportivas de Frades proclámanse campións da Fase Zonal do Torneo Intercomarcal de fútbol sala base
Os infantís das Escolas Deportivas de Frades proclámanse campións da Fase Zonal do Torneo Intercomarcal de fútbol sala base
Martes, 09 Abril 2019 00:00

CampionsFradesO equipo infantil das Escolas Municipais de Fútbol Sala do Concello de Frades proclamáronse, por segundo ano consecutivo, campións da Fase Zonal de Santiago do Torneo Intercomarcal de fútbol sala base, disputado esta pasada fin de semana no pavillón do Monte dos Postes (Santiago). Unha vitoria que fai que a rapazada fradense sexa un ano máis quen represente ás comarcas de Ordes e Santiago na Fase Provincial, que se xogará o vindeiro mes de maio nunha sede aínda por confirmar.

Ao igual que o ano pasado, os rapaces das EDM do Concello de Frades volveron golear na gran final a un colexio compostelán. Se en 2018 derrotaron por 7-1 ao Colexio Manuel Peleteiro, nesta ocasión a diferenza foi maior, pois venceron por 9-2 ao Colexio Compañía de María (Santiago). A rapazada, acompañada polo seu adestrador Liño Espiñeira, técnico de Deportes do Concello de Frades, foi agasallada con medallas e un trofeo conmemorativo dos seus éxitos deportivos.

 

Este é o segundo ano consecutivo no que o equipo infantil das EDM de Fútbol Sala do Concello de Frades se proclama campión das comarcas de Ordes e Santiago. De feito, algúns dos xogadores xa desfrutaron do éxito do ano pasado, no que mesmo chegaron a proclamarse campións provinciais, máxima categoría na que poden competir.